O peso das compras dentro dos concellos creceu un 16% no Nadal pola menor mobilidade

A actividade comercial baixa un 7% con respecto a 2019. As compras on-line rexistraron un crecemento do 37% e supoñen xa o 16% do total. O gasto en lecer, afectado polos peches perimetrais, é un 41% máis baixo que en decembro de 2019. As compras de moda e complementos redúcense un 27%, mentres que en fogar e multimedia crecen un 11% e un 12%, respectivamente

O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a novena entrega do seu informe sobre a actividade comercial en Galicia, que nesta edición mostra a situación correspondente ao período comprendido entre o 30 de novembro e o 10 de xaneiro.

O informe pon de manifesto unha caída do 7% na actividade comercial dos establecementos galegos durante a pasada campaña de Nadal respecto ao ano anterior. Se se elimina o ámbito xeográfico para incluír os datos do comercio on-line, a caída é do 6%. No entanto, mantén unha acusada disparidade por sectores, con establecementos que mostran crecementos interanuais, como alimentación (+24%), fogar (+11%) ou multimedia (+12%), e outros con caídas, como moda (-27%) ou restauración (-36%).

Menos mobilidade

As limitacións á mobilidade que afectaron a numerosas localidades provocaron un incremento do 16% no peso das compras realizadas dentro do concello do consumidor e un descenso do 38% no das efectuadas fóra da súa provincia.

Respecto de 2019, as compras fóra do concello reducíronse de maneira máis notable nas provincias da Coruña (do 50,9% ao 42,7%) e Ourense (do 51,6 ao 45,8%), mentres que Lugo rexistrou a maior redución das compras fóra da provincia (do 15,8% ao 8,8%).

Máis comercio on-line

Pola contra, as compras on-line rexistraron un importante impulso cifrado nun 37% respecto ao mesmo período de 2019. Con iso supoñen xa o 16% das compras totais realizadas polos clientes galegos de ABANCA. O uso do efectivo segue sendo menor que hai un ano (36% fronte a 42%). A utilización deste medio de pago rexistrou un descenso do 12% en decembro e primeira semana de xaneiro respecto ao mesmo período do ano anterior.

Análise sectorial

Por sectores, os establecementos de alimentación seguen sendo os que mostran uns mellores rexistros de vendas. Como consecuencia das celebracións do Nadal, este ano máis centradas nos fogares e menos nos establecementos de restauración, o gasto en alimentación alcanzou en decembro un nivel un 55% superior ao momento anterior á crise e un 24% por encima do ano pasado nestas datas.

Similar tendencia mostra o gasto en farmacias, que en decembro se situou un 31% por encima do momento anterior á crise e un 9% por encima de 2019.

O comercio minorista presenta un nivel de actividade un 13% inferior ás mesmas datas de 2019 (7% incluíndo o comercio electrónico), aínda que con acusadas disparidades. Moda e complementos cae un 27%. Pola contra, multimedia crece un 12% e fogar e bricolaxe un 11%. As compras on-line destes tipos de produtos seguiron gañando peso durante a pasada campaña do Nadal, con incrementos de 10 puntos en produtos multimedia, de 8 puntos en moda e complementos, e de 4 puntos en bricolaxe.

No sector lecer, o gasto, afectado polos peches perimetrais, é un 41% máis baixo que en decembro de 2019. Mesmo coa reapertura da hostalaría, os niveis de actividade sitúanse un 27% por baixo de antes da crise. Durante a campaña de Nadal, o gasto reduciuse nun 36% en restaurantes, nun 65% en hoteis e nun 77% en discotecas e espectáculos.

Polo que respecta ao transporte (incluíndo gasolineiras), a súa actividade mantense un 30% por baixo dos niveis pre-covid e un 36% por baixo do mesmo período de 2019.

Datos por provincia

A actividade das catro provincias galegas evoluciona de maneira homoxénea respecto dos niveis pre-covid, aínda que cun maior impacto das restricións de mobilidade nas provincias da Coruña e Pontevedra, tradicionalmente receptoras de compradores doutras provincias.

Respecto de decembro 2019, A Coruña experimentou unha contracción do 18% no comercio minorista, a maior caída das catro provincias, e do 37% no lecer. Lugo mantense como a provincia con maior resistencia do comercio minorista, que descende un 5%. Ourense rexistrou caídas do 6% no comercio minorista e do 34% no lecer. En Pontevedra, o comercio comerciante minorista descendeu un 10% e o gasto en lecer un 54%.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.