O plan Coruña Camiña humanizará a rúa Rampla do Matadoiro e o Paseo Marítimo

A actuación, que dotará a rúa dunha plataforma única, servirá para garantir a seguridade das persoas viandantes e suporá unha mellora para a cidadanía, que gozará de novo mobiliario urbano e de zonas verdes

O Goberno local autorizará, na Xunta de Goberno Local da próxima semana, o proxecto de humanización da rúa Rampla do Matadoiro e do tramo do Paseo Marítimo comprendido entre a propia rúa e o paso de peóns na confluencia coa rúa Curros Enríquez.

Deste xeito, o Goberno local prosegue co seu plan Coruña Camiña para levar melloras de accesibilidade a todos os barrios da cidade. A actuación, que conta cun orzamento de 548.863 euros e un prazo de execución de catro meses, consiste na remodelación e transformación en plataforma única da rúa, así como na renovación da rede de recollida de augas residuais, do sistema de iluminación pública, na plantación de árbores e especies vexetais e na instalación de mobiliario urbano.

O obxectivo destas accións é mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade da zona, así como crear novos espazos de lecer para a cidadanía. Para iso, ampliarase a zona peonil nesta rúa eliminando as prazas de estacionamento que se sitúan na marxe das vivendas e dotándoa dunha plataforma única con pavimentos diferenciados para vehículos e persoas, que reforza o concepto de rúa cunha clara prioridade peonil.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que, desta maneira, o concello prosegue con actuacións encamiñadas a recuperar espazos urbanos de convivencia en todos os barrios da cidade nunha aposta clara pola súa humanización e por unha mobilidade sustentable, por unha cidade que camiña e utiliza o transporte público.

A superficie total que se renovará é de 1.784 metros cadrados: 1.180 m² de zona peonil e zonas verdes e 603,25 m² de calzada. Canto á renovación do sistema de iluminación, substituiranse as luminarias actuais de fachada que xa están obsoletas por luminarias LED sobre columna no bordo da zona peonil da rúa Rampla do Matadoiro e, como reforzo, a iluminación existente no novo paso peonil situado na confluencia da rúa Rampla do Matadoiro e o Paseo Marítimo.

Doutra banda, reordenarase a saída do escaso tráfico rodado desta rúa cara á avenida Pedro Barrié de la Maza: eliminarase o illote axardinado que hai na actualidade ao final da rúa e reducirase o espazo ocupado polos accesos de servizo e do aparcadoiro do hotel. Desta forma, explican os responsables municipais, concentraranse por un só punto a saída de vehículos á avenida desde a rampla do Matadoiro e o de entrada desde a avenida ao hotel, e crearase unha praza axardinada que lles proporcionará unha zona de lecer ás persoas viandantes e que lle permitirá á veciñanza gozar de novo dunha zona privilexiada da cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.