Chairegas e chairegos celebran o fallo do TSXG contra os proxectos mineiros de ERIMSA

Cando moitas chairegas e chairegos poden estar a pensar que o proxecto mineiro de ERIMSA xa é cousa do pasado, e que de levarse a cabo tería efectos moi negativos sobre os solos, as augas e, en xeral, o medio ambiente que é patrimonio de todos e todas. En cambio, o movemento asociativo que se posicionou fai quince anos contra aquela concesión está a dar un magnífico exemplo de coherencia e perseverancia na súa loita, non o pensa así, por iso non laguidece na defensa dos valores deste patrimonio.
21Noticias está a seguir moi de preto os avatares destes colectivos, feito polo que son merecentes do noso recoñecemento, xa que sen a súa loita non chegarían a producirse estes resultados diante a xustiza e das Administracións públicas en xeral, que non sempre están á altura das súas obrigas á hora de defender o interese xeral.
A teor desta importante resolución xudicial, a Comisión Contra as Minas da Terra Cha, fai público o seguinte comunicado:
21Noticias está a seguir moi de preto os avatares destes colectivos, feito polo que son merecentes do noso recoñecemento, xa que sen a súa loita non chegarían a producirse estes resultados diante a xustiza e das Administracións públicas en xeral, que non sempre están á altura das súas obrigas á hora de defender o interese xeral.
A teor desta importante resolución xudicial, a Comisión Contra as Minas da Terra Cha, fai público o seguinte comunicado:
«O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar dúas sentenzas contrarias aos proxectos de extracción de seixo na Terra Chá por parte de Explotaciones de Rocas Industriales y Minerales SA (Erimsa). Estas sentenzas foron ditadas en apelación polo TSXG despois de que, en xaneiro de 2020, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditase sentenzas desestimatorias ás pretensións de Erimsa.
As pretensións de Erimsa con estes litixios fronte ao Concello de Cospeito buscaban a reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense. Porén, esta empresa con capital chinés e domicilio en Noruega, non subsanara deficiencias tan relevantes como a falta de informes sectoriais favorábeis por parte de diversos departamentos da Xunta de Galicia. Entre outros argumentos, as sentenzas din que é incuestionábel que o expediente de autorización autonómica previa rematou nunha resolución firme desestimatoria. Sentenza que, polo demais, lle impón as costas á empresa mineira.
TRES LUSTROS DE LOITA E DERROTAS PARA ERIMSA NA TERRA CHÁ
Estas sentenzas contrarias súmanse ás ditadas no ano 2016, onde se lle denegaba a licenza municipal para as concesións Alicia e Karles, en Castro de Rei e Cospeito, previa denegación da autorización autonómica.
Cómpre lembrar que Erimsa obtivo as concesións mineiras Karles, Alicia e A Pastoriza a finais do ano 2006 para extraer seixo en diversos municipios chairegos. Estas concesións afectan case 6.000 hectáreas de alto valor agronómico nos concellos de Vilalba, Abadín, Riotorto, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. No ano 2008, Erimsa solicitou as licenzas de actividade, xurdindo unha forte oposición veciñal e dos governos municipais. A raíz deste rexeitamento, formouse a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, cuxo obxectivo foi manter informada a veciñanza sobre as consecuencias da explotación mineira e iniciar unha loita que, case quince anos despois, segue desenvolvéndose nos tribunais con estas sentenzas.
Nestes anos, dende a Comision contra as Minas na Terra Chá, solicitamos reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras. Porén, a día de hoxe seguen en vigor dun xeito totalmente irregular. Por iso, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá celebramos esta nova victoria xudicial e agardamos que a Xunta declare definitivamente a caducidade das concecións para rematar con este pesadelo.
Saúdos dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá».