Os socialistas piden a Feijóo que “escoite á veciñanza do Courel” e manteña as 6 rutas escolares

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción para que a Xunta modifique as condicións de licitación das rutas de transporte escolar na provincia, pois derívase dun profundo descoñecemento do rural e a súa continuidade prexudicaría gravemente á súa poboación

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o 26 de xaneiro, unha moción coa que demandan ao Goberno de Feijóo que modifique as condicións de licitación das rutas de transporte escolar dependentes da Consellería de Educación na provincia, pois derívase dun profundo descoñecemento do rural e a súa continuidade provocaría un grave prexuízo para a súa poboación.  “Pedimos que escoite á veciñanza do Courel e manteña as 6 rutas que veñen dando servizo ós alumnos e alumnas do CPI Poeta Uxío Novoneyra”, aseguran.

Representantes socialistas participaron hoxe na concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta en Lugo, convocada pola ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra, entre eles a Deputada provincial de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, ademais da Voceira Socialista do Courel, Carmen Álvarez, quen denunciou que este plan da Consellería “empeora o servizo, eliminando rutas e aumentando o tempo que os rapaces pasan no transporte escolar”, tal e como advirte a propia ANPA. Tamén asistiron o secretario de Organización do PSdeG, Jose Antonio Quiroga, a Deputada no Congreso, Ana Prieto e o Deputado Autonómico e Voceiro de Educación do PSdeG, Luis Álvarez, que xa rexistrou iniciativas na Cámara Autonómica.

Na iniciativa rexistrada, o PSdeG reclama que se revise o deseño dos lotes para atender ás diferentes características xeográficas da provincia, que o deseño dos lotes faga posible a concorrencia de Pemes e profesionais autónomos, para manter e fomentar o emprego local, recoñecendo a especificidade das rutas rurais e de montaña, que deberían licitarse de xeito separado.

Lote único

Nesta proposta, os socialistas tamén solicitan que se revisen as condicións do transporte dos nenos e nenas que residen en zonas como O Piornedo, en Cervantes, incluíndo a necesidade de vehículos todo terreo como lanzadeiras que leven ós rapaces da casa á parada do bus, e que se manteñan as 6 rutas que veñen dando servizo ao alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra e que as mesmas se liciten como un lote único, atendendo ó carácter rural e de zona de montaña do territorio que percorren.

O Courel

No caso concreto do CPI Poeta Uxío Novoneyra, hai 6 rutas de transporte escolar, atendidas por profesionais do taxi en vehículos de 9 prazas. No novo mapa, o número de rutas baixa a 4. Xunto co prexuízo aos nenos e nenas e as súas familias, o concurso da Consellería prexudica tamén ós traballadores/as locais. As rutas do CPI Poeta Uxío Novoneyra quedan englobadas no lote 27, que inclúe tamén a O Incio, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Monforte de Lemos e Bóveda. Para concorrer ao concurso deste lote é preciso contar cunha ampla frota de microbuses e prémiase ter a sede operativa en Monforte.

A Deputada provincial Ana González Abelleira explica que “tal e como podemos comprobar hoxe aquí nesta concentración, este proceso de licitación vén xerando as queixas dos veciños e veciñas da provincia, como os concellos de Folgoso do Courel ou Cervantes”. Remarca que “estas condicións son inasumibles para os autónomos do taxi, nin sequera cooperando nunha UTE. Estes profesionais non só atenden ó transporte escolar, senón tamén desprazamentos relacionados coa atención médica, polo que a perda dos seus traballos supón un dano para a economía local e tamén un prexuízo para o acceso aos servizos públicos de parte da poboación, nomeadamente a de maior idade”.

Cervantes

No caso de Cervantes, o prego non parece contemplar o desprazamento actual en vehículo todo terreo que leva ós nenos e nenas do Piornedo dende as súas casas ata a parada do microbús que os leva ata o CPI Plurilingüe de Navia de Suarna. Por todo isto, dende o PSdeG “queremos mostrar o noso apoio á comunidade escolar do Courel e Cervantes e rexeitar a actual proposta de licitación do transporte público feita pola Consellería de Educación. Entendemos que non ten en conta o carácter rural ou de montaña de moitas zonas de Galicia, non defende o emprego local e deseña as rutas sen colocar en primeiro plano o benestar dos nenos e nenas, e das súas familias”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.