Parada dos parques eólicos do monte Carrio e do monte Couto de San Sebastián

Entidades ecoloxistas preguntan á Consellería de Industria e á Asociación Eólica de Galicia os motivos polos que os parques eólicos do monte Carrio, arredor de 30 máquinas, entre Vila de Cruces e Lalín e os do monte do Couto de San Sebastián, entre Silleda e A Estrada están parados e con todas as máquinas freadas, a pesar da especial aptitude eólica destas áreas
Chama a atención que nunha semana con prezos da luz á alza, os parques eólicos do monte Carrio, alomenos das compañías Gamesa e Ibedrola, leven sen funcionar varios días desta semana. O mesmo ocurre cos eólicos do monte do Couto de San Sebastián, entre Silleda e A Estrada.
A cidadanía debe coñecer se é unha parada programada das compañías e cales son os motivos polos que se realiza e se hai convenio ou concerto entre as empresas mercantís dos parques afectados para que isto ocurra. Por iso, piden explicacións ao Conselleiro de Industria, Francisco Conde e instan a apertura dunha investigación neste sentido.
Puidera darse o caso de que instalacións renovables con recurso dispoñible, gratuito e non contaminante como é o vento, non estén funcionando e isto xere un incremento do prezo da electricidade ás familias galegas, o que demostraría unha vez máis que o negocio enerxético está por diante da sustentabilidade e que as empresas enerxéticas carecen da responsabilidade social corporativa da que fixeron tanta publicidade durante a campaña de Nadal.
As empresas enerxéticas deben ser conscientes que o vento e a paisaxe son recursos gratuitos de toda a cidadanía galega, e que os están a usucapir de xeito especial no seu propio beneficio, e as paradas programadas dos parques eólicos con fins lucrativos, deberan sancionarse duramente.
Por último piden á Xunta de Galicia a retirada da calificación de utilidade pública daqueles parques eólicos que non cumpran coas regras da libre competencia e programan paradas eólicas que alteren a alza os prezos da luz para as familias galegas.