Traballos para despexar de xeo e neve máis de 100 estradas de Lugo

A Deputación de Lugo mantén despregados dende primeira hora da mañá un total de 96 operarios e 48 máquinas en vías de municipios da Mariña, A Chaira, A Montaña e o sur da provincia

A Deputación de Lugo mantén despregado un dispositivo invernal de 96 operarios e 48 máquinas ante o temporal de neve e xeo que afecta a toda a provincia, con fortes nevaradas a partir dos 600 metros de altitude.

O dispositivo traballa desde primeira hora deste luns en máis de 100 estradas que discorren por 20 municipios do conxunto da provincia: Baleira, Becerreá,  Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Triacastela, Muras, Vilalba, Ourol, Taboada, A Pontenova e Mondoñedo.

Nas vías destes municipios transítase con dificultade polas intensas nevadas das últimas horas, que chegaron a provocar espesores de entre 10 e 20 centímetros, ademais de placas de xeo.

O dispositivo de seguridade mobilizado pola Deputación está formado por 96 operarios, 20 máquinas quitaneves con saleiro, 16 pick up con saleiro e cuña quitaneves, e 12 vehículos todoterreo de apoio. Así mesmo, hai 10 silos de sal da Deputación dispoñibles, con 35 toneladas cada un, pois os de Ribas de Sil e Pedrafita do Cebreiro están baleiros, á espera de ser enchidos novamente.

A Deputación lembra que todos os Concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.

A institución provicnial recomenda á veciñanza consultar as previsións meteorolóxicas antes de realizar saídas e extremar todas as precaucións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.