Unha fotografía dos Ancares Lucenses ilustra un calendario da Rede Española de Reservas da Biosfera e National Geographic

A imaxe -do castro de Santa María de Cervantes- foi seleccionada entre os 52 territorios de España que contan con este recoñecemento da UNESCO, e trátase da única das reservas galegas incluída na publicación, elaborada con motivo do 50 aniversario do programa Persoa e Biosfera (MaB)

Unha fotografía da Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola Deputación de Lugo, foi seleccionada para figurar no calendario do 2021 editado pola Rede Española de Reservas da Biosfera, en colaboración coa prestixiosa National Geographic, mundialmente coñecida polas súas reportaxes e fotografías de natureza, para conmemorar o 50 aniversario do programa Persoa e Biosfera (MaB), que se celebra este ano.

A imaxe, que ilustra o mes de marzo, titúlase Ocaso Castrexo e foi tomada no castro de Santa María de Cervantes por Óscar Doral, un dos gañadores do IV Concurso de Fotografía das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A Deputación convoca este certame anualmente para poñer en valor e promocionar estes entorno naturais.

Trátase da única representación das Reservas galegas que figura no calendario editado por National Geographic e foi escollida entre os 52 territorios de toda España que contan con este recoñecemento da UNESCO.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que fixo chegar un exemplar da publicación a todos os alcaldes dos 29 concellos que forman parte da Reserva dos Ancares Lucenses e da de Terras do Miño, ambas xestionadas pola institución provincial, subliña que esta iniciativa “é todo un orgullo para a nosa provincia, ademais dun feito que contribuirá, sen dúbida, á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da Covid-19”.

Significa tamén, engadiu, que “estamos traballando no bo camiño, ao apostar pola conservación da natureza, do noso patrimonio e das nosas tradicións, converténdoos nunha ferramenta para impulsar o futuro e o desenvolvemento do rural”.

Marcas para os produtos e servizos das Reservas

Nesta liña, o Presidente lembrou que a Deputación de Lugo seguirá con medidas importantes neste ano 2021. Así, segundo o acordado nas últimas reunións dos respectivos órganos de xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses,  este ano comezaranse a desenvolver unhas marcas propias, que darán valor engadido e diferenciarán a procedencia, a profesionalidade e a calidade dos produtos e dos servizos que ofrecen estes territorios, “o que supoñerá un salto cualitativo moi importante para o desenvolvemento sostible dos concellos que forman parte das reservas, e polo tanto, para fixar poboación”, subliñou José Tomé. Neste sentido, a contraportada do calendario editado pola Rede Española de Reservas da Biosfera e National Geographic dedícase por completo á promoción da marca Reservas de la Biosfera Española, cun código QR que facilita a difusión de información.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.