Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Pinturas da “era de acuario”. As pinturas mudan de aspecto co uso de luz negra

DUVI PONTEVEDRA  

Unha serie de lenzos, que a través do uso de pinturas fluorescentes, mudan o seu aspecto ao pasar a ser iluminados con luz ultravioleta, conforman, xunto cunha proxección audiovisual, a mostra que o artista José Manuel García, Elohim, presenta nestes días na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus.

 La Era de Acuario, el ascenso a la quinta dimensión o salto cuántico é o título desta mostra pictórica, organizada polo propio artista coa colaboración da Vicerreitoría, que poderá visitarse ata finais de xaneiro. Nela, García busca abordar “a entrada da humanidade nun novo tempo e nunha nova terra, na era de acuario”, sinalou este mércores na súa presentación.

Xunto cun lenzo de grandes dimensións, dez cadros conforman unha mostra que o artista define como “pintura dixital”, xa que as obras foron realizadas coas mans, o que lle permitiu, salientou, “trasladar a enerxía que levo o meu interior, as emocións, aos lenzos”. Completada cunha proxección audiovisual, a exposición foi creada coa idea de que “recorrendo todas as pinturas, como se foran fotogramas dunha película”, a mostra permita “contar unha historia” ao espectador, unha historia que “neste caso é a da era de acuario, o ascenso da humanidade a esta quinta dimensión”.

Con esa idea, Elohim empregou para as súas obras pinturas fluorescentes, de tal xeito que apagando a iluminación da sala “e activando unha luz negra, as pinturas mudan e nos permiten ver esa quinta dimensión”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.