Víctor Manuel colabora no novo disco de Silvia Penide

Silvia Penide edita o seu novo EP “Los días de plomo”. O disco conta cun bonus track: a fantástica canción que daba título ao seu anterior traballo “El efecto boomerang” coa colaboración de Víctor Manuel
A creatividade musical non pode quedar cancelada. Silvia Penide compuxo música e textos durante o confinamento que pasou co seu gato Ludovic. O EP titulado “Los días de plomo” inclúe cinco pezas novas e unha canción do seu anterior traballo discográfico que estaba previsto que fose o single da primavera de 2020 pero decidiu aplazarse pola pandemia. Agora “El efecto boomerang” terá unha nova vida grazas á fabulosa colaboración de Víctor Manuel que aporta a súa sensibilidade para unha canción que merece ser escoitada enteira e a un volume alto porque logra xerar unha emoción moi evidente. Unha canción adicada a despedirse de persoas que non queres despedir.
Os temas novos son tres cancións arranxadas polo guitarrista Paul Álvarez e nas que tamén soan baixos e algún hammond de David San José, así como o teclado de Carla López. Os cortes un e cinco son poemas de Silvia Penide en galego cos títulos de Porta pechada e Porta aberta e contan coa música orixinal de Carla López composta específicamente para soar como acompañamento á recoñecible voz de Silvia, gañadora do Premio Martín Codax na categoría canción de autor na edición de 2020.
As tres cancións son “Los dias de plomo” (esa sensación dos días de estar pechados), “Bailar en Irán” (baseada nunha nova que viu un día Silvia no telediario) e “Chantilly” un tema estreado en versión maqueta fai uns meses e que Silvia adica a súa avoa Felicidad (o título é o seu postre favorito).
Vídeomontaxe da gravación do disco da videoartista Lara Capeáns, coa canción Chantilly
O CD que sae hoxe mesmo á venda pode adquirirse polo momento escribindo un e-mail a info@silviapenide.com e estará tamén en varios puntos de venda na cidade da Coruña dos que se informará a través das redes sociais de Penide. A tirada é moi limitada polo que recomendamos non demorarse se desexas conseguir unha das copias editadas.
O pasado mes de decembro fíxose unha estrea íntima no Hotel Nido da Coruña para un grupo reducido de persoas. O evento formaba parte do proxecto que a artista galega presentou ao Concello da Coruña dentro do programa de Becas de creación artística coas que a concellaría de cultura tentou de incentivar que artistas locais puidesen levar a cabo proxectos paralizados durante a pandemia.
Silvia Penide amósase moi feliz pola colaboración con un dos seus ídolos e absoluto referente para a canción de autor e agradece a súa xenerosidade á hora de traballar na canción como se fose propia.