Vilalba Aberta denuncia o malgaste de diñeiro público en publicidade do Goberno “en plena crise económica da covid”

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta denunciou este venres o “dispendio de fondos públicos en publicidade” por parte do equipo de goberno do PSOE no Concello de Vilalba

Unha crítica, que tal e como anunciou o seu voceiro municipal, Modesto Renda, terá a súa continuación no vindeiro Pleno Ordinario, pola vía dunha petición de comparecencia da Alcaldesa, coa que a formación asemblearia pretende arroxar transparencia diante da veciñanza ao respecto da cuantificación do total do gasto.

“O Grupo Municipal Socialista está a utilizar a súa condición goberno en minoría para facer propaganda de partido co diñeiro dos veciños e veciñas” lamentou un Modesto Renda que, se ben, deixou claro que este tipo de estratexias son sempre censurables “e así o manifestamos cando compartiamos goberno”, remarcou que nun contexto de crise económica como o actual resulta “directamente inaceptable”.

Na súa opinión, este tipo de campañas deberían sufragarse co diñeiro que o PSOE, do mesmo xeito que as restantes formacións políticas, reciben mensualmente, en base ao número de representantes que teñen na corporación; mais “nunca con diñeiro provinte dos impostos dos vilalbeses e das vilalbesas”, explicou.

Na mesma liña se manifestou a súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, cualificando a actuación do equipo de goberno de “provocación” nun momento no que “autónomos e Pemes están a pedir a berros a posta en marcha do programa municipal de axudas directas, aprobado no Pleno Ordinario de Xullo, a iniciativa de Vilalba Aberta.”

“Seguimos á espera de que o Goberno presente o borrador duns Orzamentos que, se dependen de VA, suporán o fin deste tipo de dispendios, en beneficio de autónomos, familias e parroquias do Concello de Vilalba”, sentenciou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.