A concurso a renovación do Copacabana para “contribuír á revitalización dos xardíns de Méndez Núñez”

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, sinalou que “a posta en valor e a rexeneración dos xardíns son prioridades establecidas por Inés Rey, ao igual que a racionalización das concesións” A Coruña, 9 de febreiro de 2021.- O Goberno municipal levará mañá á Xunta de Goberno Local o proxecto e as condicións da concesión para a renovación integral do Copabana. O emblemático establecemento hostaleiro, cuxa anterior concesión venceu no 2015, sae de novo a concurso co obxectivo de revitalizar os xardíns de Méndez Núñez

O proxecto construtivo, valorado en 386.216 euros (asinado polos arquitectos Xosé Manuel Casabella -o mesmo que xa proxectara en 1984 o actual- e José Luis Martínez Raído), suporá unha completa renovación das actuais instalacións, mantendo o mesmo espírito de arquitectura transparente que xa tiña, mais renovando completamente as dependencias do establecemento.

A nova concesión do Copacabana -que manterá o mesmo nome- sae a concurso por un prazo de 30 anos e un canon mínimo de 795.770 euros por todo o tempo da concesión, a razón de 26.559 euros ao ano, impostos aparte.

“A renovación do Copacabana enmárcase no pulo que lle está a dar o Goberno de Inés Rey á regularización das concesións municipais, algunhas, como a deste establecemento, levaba vencida desde o 2015”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

O Copacabana ocupa un espazo interior de 265 metros cadrados, e un espazo exterior (terraza) de 336 metros cadrados. Ademais do canon anual, a empresa adxudicataria asumirá tamén o prezo da obra e comprométese a facer un investimento mínimo de 15.000 euros aos 8, 15 e 22 anos da concesión para garantir a actualización e bo mantemento das instalacións.

A oferta económica non será a que máis pese no concurso convocado polo Goberno local, que primará a calidade (49 puntos) sobre o prezo (41 puntos) e que terá en conta tamén a creación de emprego (10 puntos) máis alá da que fixan os pregos.

Así, o novo Copacabana terá como mínimo 9 empregados. Desas prazas, unha resérvase para persoas con discapacidade e das oito restantes, polo menos o 50% deberán ocupalas mulleres, segundo a liña de igualdade de xénero fixada polo Goberno de Inés Rey tamén nos seus criterios de contratación.

Ademais, terase en conta á hora de escoller a mellor proposta, a calidade do mobiliario instalado ou a planificación dun calendario anual de eventos (música, recitais, exposicións…) que contribúa a poñer en valor dito espazo.

A concesionaria, por outra banda, deberá facerse cargo do correcto mantemento dos aseos públicos localizados nas inmediacións do establecemento.

“A posta en valor e a revitalización dos xardíns de Méndez Núñez son prioridades establecidas por Inés Rey, ao igual que a racionalización das concesións”, indicou Lage Tuñas, quen explicou que o proxecto recibiu un especial coidado por parte do Concello por localizarse nun lugar cun valor histórico excepcional.

A recuperación dos Xardíns de Méndez Núñez, indicou o concelleiro e portavoz do Goberno municipal, é un dos obxectivos fixados polo executivo. A alcaldesa puxo fin no 2019 ao botellón, actividade que contribuíu nos últimos anos a degradar o espazo. A renovación da concesión ten como obxectivo aumentar os atractivos dun dos puntos máis visitados da Coruña.

O proxecto do Copacabana permanecerá a exposición pública durante un mes. Transcorrido dito prazo, as empresas interesadas terán outros 30 días para presentar ofertas. Quen resulte adxudicatario terá un mes, desde a formalización do contrato, para comezar as obras, que teñen un prazo de execución de tres meses a contar desde a sinatura da acta de reformulo. Deste xeito, a renovación integral do Copacabana estará rematada no último trimestre deste mesmo ano.

Mellora da concesión en San Agustín Por outra banda, a Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar tamén mañá a adxudicación da concesión do baixo do mercado municipal de San Agustín, un espazo que seguirá explotando, por un prazo de 30 anos, o actual concesionario, Mercartabria (Gadis), que presentou a oferta mellor valorada.

O Concello ingresará durante o tempo total da concesión 4,2 millóns de euros, o que supón unha mellora de 1.378.460 euros sobre o prezo de licitación e un canon anual de 210.000 euros, case un 50% máis do que até agora estaba fixado para ese espazo.

“Non se trata só de garantir o mantemento no mellor estado posible do patrimonio municipal, senón de xestionalo tamén do mellor xeito posible para obter recursos cos que financiar os moitos servizos que presta este Concello”, indicou Lage Tuñas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.