A Deputación da Coruña financia proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación exterior

As subvencións están destinadas a ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia para o desenvolvemento de proxectos de cooperación exterior en América Latina ou África

A Deputación da Coruña destinará este ano 230.000 euros a cofinanciar, en colaboración con ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, proxectos de axuda ao desenvolvemento en América Latina, Caribe e África.

As bases destas axudas, publicadas no Boletín Oficial da Provincia, está aberta á concorrencia das entidades que traballen no campo da cooperación internacional, a axuda humanitaria e á educación para o desenvolvemento e que teñan domicilio social na provincia da Coruña, e establecen dúas liñas de subvencións diferenciadas, unha para o financiamento de actividades, dotada con 115.000 euros, e outra para investimentos, cun orzamento doutros 115.000 euros.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior, “que axudan a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas” en diversos países do mundo.

Dende hai anos, a Deputación colabora con programas solidarios como “Vacacións en Paz”, que trae á provincia nenos saharauis durante o verán; “Viaxe cara á vida”, da Fundación Tierra de Hombres, que permitiu traer  a nenos e nenas de países africanos como Togo, Benin, Senegal ou Mauritania para ser operados de cardiopatías no CHUAC da Coruña, ou o programa impulsado por Ledicia Cativa para que nenos da área afectada polo accidente nuclear de Chernóbil pasen as súas vacacións en diversos concellos coruñeses.

Ademáis, a solidariedade coruñesa permitiu tamén impulsar programas de mellora das infraestruturas sanitarias, educativas ou levar servizos básicos coma o abastecemento de auga a distintas comunidades en países coma Honduras, Senegal, Colombia ou India.

Unha traxectoria que se impulsa de novo con esta convocatoria, a través da que se financiarán proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas (atención sanitaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), á protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados, poboacións indíxenas…), accións destinadas á solución de conflictos ou á protección e mellora da calidade medioambiental.

Terán prioridade aqueles proxectos que formen parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o proxecto, os que conten coa colaboración de asociacións locais e os proxectos presentados por agrupacións de ONGD, entre outros.

As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 20.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo a financiar será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.

17 proxectos contaron co apoio da Deputación o ano pasado

En 2020, a Deputación da Coruña colaborou con 17 ONG para financiar outros tantos proxectos de cooperación exterior e axuda ao desenvolvemento en distintos países de África, Sudamérica, Centroamérica e India, con axudas que oscilaron entre os 6.089 e os 27.473 euros, destinadas fundamentalmente a financiar proxectos de carácter educativo, sanitario, loita contra a probreza e mellora de infraestruturas públicas en comunidades de países con escasos recursos.

No apartado educativo, destacan as axudas concendidas a Arquitectos sen Fronteiras (que permitirán rematar a construción dun centro de ensino medio en Joal_Fadiouth (Senegal), a construción dunha escola en Djufunco-Caheu (Guinea Bissau) en colaboración coa ONG Miradas al Mundo, o apoio ao proxecto “Escola Coruña”, continuando a labor que EcoDesarrollo Gaia e a Deputación veñen desenvolvendo en Senegal, ou un proxecto de mellora da educación en República Dominicana coa Fundación Entreculturas.

Destinaronse tamén 14.392 euros para financiar, en colaboración coa ONG AIRE, creada por bombeiros da provincia da Coruña, a segunda fase da construción dun parque de bombeiros que xa está funcionando na Wilaya de Smara,  nos campamentos saharauis.

Níxer, Bolivia e Guatemala son outros países nos que a Deputación financia proxectos de axuda ao desenvolvemento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.