A Deputación financia a creación de 593 postos de traballo nos concellos coruñeses este ano

“Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de 600 persoas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, que na anualidade 2021 destinará o dobre de fondos con respecto ás convocatorias dos anos anteriores, chegando aos 6 millóns de euros en axudas para a contratación de persoal para a execución de obras e servizos municipais dos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou que con estes fondos “os concellos crearán este ano un total de 593 empregos nun contexto socioecomómico especialmente difícil, marcado polas consecuencias da pandemia da Covid-19.”  De aí que, entre as tarefas a prestar polo persoal contratado, inclúanse esta ano dúas adicionais relacionadas coas novas necesidades xurdidas a raíz da pandemia, que son as de conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, primaria ou especial e as tarefas de protección da salubridade pública.

“Con 6 millóns de euros de orzamento en 2021, PEL Concellos é o maior programa de creación de emprego municipal impulsado por unha administración local en Galicia e ofrecerá unha oportunidade laboral a preto de 600 perosas nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, afirmou González Formoso, que subliñou o “carácter social” dun programa que prima a contratación das persoas pertencentes a aqueles colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego e remarcou que o persoal contratado contribuirá a mellorar os servizos públicos dos municipios.

O presidente sostivo que a creación de emprego e a protección social dos colectivos máis desfavorecidos son os dous obxectivos principais do Goberno provincial neste 2021, co obxectivo de “contribuír á reactivación económica sen deixar a ninguén atrás”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.