A histórica demanda do paso elevado para peóns no barrio do Mazadoiro de Sarria chega ao Congreso

Os deputados do PSdeG-PSOE por Lugo no Congreso preguntan ao Goberno polo paso elevado para peóns que comunicará o barrio do Mazadoiro co centro de Sarria

Os deputados nacionais do PSdeG-PSOE pola provincia de Lugo, Ana Prieto Nieto e Javier Cerqueiro González, presentaron no Congreso unha pregunta ao Goberno na que solicitan información sobre a prevista construción do paso elevado para peóns que comunicará o barrio de O Mazadoiro co centro urbano de Sarria, salvando deste xeito a vía do tren e permitindo unha correcta comunicación para a veciñanza.

Os citados socialistas indican que se trata dunha “demanda histórica” da veciñanza deste barrio de Sarria, que leva anos reclamado esta construción. Esta infraestrutura tamén é solicitada pola agrupación socialista da vila e foi requerida por parte de diferentes gobernos municipais socialistas. Por todo elo, os deputados Prieto e Cerqueiro decidiron preguntar ao Goberno polo proxecto da pasarela.

Para Prieto e Cerqueiro esta construción suporá “mellorar a seguridade dos residentes neste barrio da vila”, xa que “poderán salvar as vías da liña ferroviaria sen risco”.

O Mazadoiro é un barrio no que o peche da totalidade da parte frontal da estación de ferrocarril limita e dificulta o acceso dos veciños ao centro da vila. Os deputados citados queren coñecer o orzamento da obra e o calendario de licitación e previsión de execución, para que a curto prazo se inicie e remate a tan necesitada pasarela.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.