A RAG comparte “Xeliña fala galego” e reivindica a transmisión xeracional do idioma no Día da Lingua Materna

A Academia ofrece na súa web o relato escrito polo pai de Xela Arias en 1968, unha reflexión sobre o que significa contar cunha lingua propia e as portas que abre na aprendizaxe doutros idiomas

A diversidade lingüística é unha riqueza ameazada a nivel mundial. Por iso a UNESCO celebra dende 2000, cada 21 de febreiro, o Día da Lingua Materna, unha conmemoración á que a Real Academia Galega se suma este ano compartindo dende academia.gal “Xeliña fala galego”. O relato, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968, conta a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias (1962-2003), a quen a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O texto difúndese xunto a un artigo no que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tamén reivindica a transmisión xeracional do idioma como “unha riqueza que debemos celebrar” e lembra que o galego é ademais unha porta ao multilingüismo, un concepto no que a organización internacional pon o acento nesta edición do Día da Lingua Materna e no que tamén afonda a historia de Valentín Arias.

“A proposta da UNESCO ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias ‘Xeliña fala galego’ é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos”, expón o presidente da Academia no artigo titulado “Lingua da memoria”. Valentín Arias escribiu “Xeliña fala galego” no ano 1968. A protagonista do relato, publicado nun especial das festas de San Xoán de Sarria, é Xeliña, unha pequena de sete anos cuxa lingua materna é o galego, por decisión dos proxenitores malia os prexuízos sociais, e que aprendeu xa o castelán. Partindo da “lingua nai dos galegos”, o conto augura que se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque “é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñecen”. O narrador non se equivocou no seu prognóstico: aquela rapaciña, á que lle gustaba comparar os dous idiomas que xa manexaba e reflexionaba constantemente sobre eles, converteríase tempo despois na vida real nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora.

Víctor F. Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, “a lingua primeira da memoria”, e salienta a importancia de garantir a transmisión xeracional do galego, “unha riqueza que debemos potenciar, celebrar, asegurar e potenciar, pois non é incompatible con outras experiencias. A fala primeira sempre está aí, no corazón, na memoria das cousas, nos primeiros aloumiños, nas primeiras experiencias, mesmo inconscientes: a fala primeira que nos axuda a recoñecernos e, ao mesmo tempo, nos abre ao mundo, tamén a outras linguas”, expresa.

Pero o presidente da Real Academia Galega tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para subliñar o valor das persoas que malia non se criaren en galego dan o paso para se instalar na lingua galega. “Na recuperación e uso social do galego son moi importantes os neofalantes”, conclúe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.