A Xunta destina 709.000€ do Plan de Infraestruturas Rurais a mellorar este ano vías de 15 concellos lucenses

O delegado territorial, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión telemática cos responsables municipais, na que explicou que están finalizando os procesos de contratación e que as obras comezarán proximamente

A Consellería do Medio Rural executará este ano obras de mellora de vías en 15 municipios da provincia de Lugo a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), ás que destina un orzamento de 709.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza telemática con responsables municipais destes concellos, na que explicou que están a finalizar os procesos de contratación e que as obras executaranse proximamente, en canto se completen os trámites administrativos e o permita a climatoloxía.

Tres dos proxectos aprobados son compartidos por máis dun concello. Así, dedícanse 149.000 euros a mellorar as comunicacións entre Riotorto e A Pastoriza; 120.300 euros a pavimentar a vía de Meizarán (Triacastela) a Filloval (As Nogais); e 48.000 euros a incrementar a accesibilidade na área de concentración parcelaria de Pousada (Baleira) e Camporredondo (Baralla).

A Xunta tamén mellorará camiños municipais en Gaibor (Begonte) con 48.200 euros; vías de Anxeriz e A Muraza (Friol) con 48.300 euros; o firme da estrada de Francos a Navallos (Guntín) con 40.000 euros; os accesos a explotacións agrícolas de Lamaboa (Palas de Rei) con 46.500 euros; a pista de acceso a Pardellas (Portomarín) con 48.300 euros; o camiño da Cova a Vilardomato (Ribas de Sil) con 40.000 euros; o treito entre o regato de Fervedón e o núcleo do Ventorrillo (Sober) con 48.200 euros; e os accesos a Pontide-Suegos e a Castrobó-Mosende (O Vicedo) con 48.000 euros. Ademais, farase un muro de contención na estrada de acceso á ribeira de Vilachá (en Trasmonte, no concello da Pobra do Brollón) cun investimento de 23.800 euros.

Arias destacou que o PIR é unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais da provincia de Lugo “creando novos servizos e mellorando infraestruturas básicas como son as vías de comunicación”. Na mesma liña, lembrou que a Xunta vén de aprobar o Plan Marco de mellora de camiños municipais de  acceso a parcelas agrícolas para o período 2021-2022, que suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros na provincia e chegará a todos os concellos lucenses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.