Aldea Viva. “Gonzalo Trenor inaugura en Touro os residuos dunha obra tirados nunha leira”

A asociación Aldea Viva denuncia que os refugallos da obra que inaugurou en Touro o pasado luns o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, foron vertidos nunha leira próxima durante a súa execución no pasado mes de outubro e alí continúan. Trátase dunha obra chamada “humanización de espazos públicos” financiada pola Consellería de Medio Ambiente que derivou no vertedoiro dos residuos asfálticos e outros refugallos de obra tirados nunha leira xunto á Casa de Cultura da localidade.

Aldea Viva denuncia falla de control das obras pola Consellería de Medio Ambiente, quen ten a obriga de comprobar a execución e a xestión dos residuos conforme aos pregos de contratación nos cales constan ademais orzamentados os custes do tratamento dos residuos. Custes, que deste xeito aforra a empresa contratada, e en prexuízo do medio ambiente. Deste xeito a asociación insta á Xunta a resolver con urxencia esta situación inadmisible, máis grave aínda tratándose precisamente da Consellería de Medio Ambiente.
Así mesmo, Aldea Viva critica a conivencia do Concello de Touro ca empresa construtora, porque coñecendo os feitos decide mirar para outro lado deixando facer un vertedoiro. A entidade local reincide nuns feitos que xa foron obxecto de sanción no ano 2019.
INVERSIÓN PÚBLICA DE MÁIS DE 350.000 € PARA TAPAR A CONTAMINACIÓN DUNHA EMPRESA PRIVADA
O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, acudira o pasado luns a Touro para inaugurar as obras dun entubado no rego portapego, acompañado polo Alcalde e varios concelleiros do Goberno Local. Estas obras pretenden evitar os asolagamentos que se producen na capital municipal, Fonte Díaz, e que teñen como causa a acumulación de residuos mineiros no entubado do río que atravesa o núcleo urbán. A asociación medioambiental culpa desta situación ás obras executadas pola empresa propietaria dos terreos mineiros na cabeceira do rego, situada uns 400 metros arriba do lugar onde se actuou, que consistiron no desmantelamento da canle perimetral que recollía as drenaxes da antiga mina.
As obras tiveron un orzamento de máis de 53.000 euros da Consellería de Medio Ambiente; importe que se suma a outras inxentes cantidades de diñeiro público achegado por distintas administracións nos últimos anos, ca finalidade de tentar ocultar a desfeita ambiental causada polos verteduras procedentes dos terreos da antiga mina sobre o rego Portapego. Aldea Viva cifra estes investimentos en máis de 350.000 euros.
Amósanse incrédulos ante a “chuvia” de diñeiro público que se invirte en tapar, que non arranxar, unha situación provocada pola mala praxe dunha empresa privada ao mesmo tempo que as administracións autonómica e local non actúan de oficio para depurar responsabilidades ante os causantes da situación. Solicítanlle á Xunta de Galicia e ao Concello de Touro que deixen de posicionarse do lado dos que incumpren a lexislación e que adiquen as partidas orzamentarias a outras finalidades como o saneamento ou á creación dun punto limpo, servizo básico co que non conta o concello.

Un comentario

  • Ramón Mata Espiñeira

    Non convén desvirtuar a realidade. O regato Portapego(antes que Codesido chegara á Alcaldía) nunca sofreu desbordamentos. Á obra do Mesón-Hotel, dónde él era sócio e tamén Alcalde nese momento, fixo, que para poder construír tiña que ser baleirada a Balsa. Decir que ésta Balsa ocupaba unha superficie de 1500 metros cadrados. Terreo da empresa EXGA de Touro. Logo, cándo chegou o momento de escriturar ésta parcela no Notario, un dos sócio do Alcalde Codesido de Touro decide apartarse da sociedade inmobilaria por medo a futuras denuncias. Denunciaba éste sócio que él se aparta para non cargar cás culpas de baleirar a Balsa po río Portapego. Eso, así contado foi o que pasou e pasa no río Portapego

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.