Ana Lamas reúnese con Presencia Gitana para coñecer o funcionamento do plan de apoio escolar que desenvolve en Culleredo, Cambre e Bergondo

A asociación leva a cabo, co apoio da Deputación, o programa socioeducativo ‘Kamelamos chanelar’ nestes municipios da área coruñesa

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación Nacional Presencia Gitana nun programa de apoio pedagóxico para previr o fracaso escolar. A deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse con representantes do organismo para analizar o desenvolvemento deste proxecto na provincia e outras cuestións de interese para o colectivo.

Lamas asistiu de xeito telemático a un encontro coa dirección da Asociación Nacional Presencia Gitana e co persoal técnico que leva a cabo o proxecto ‘Kamelamos chanelar’ (‘Queremos comprender’), que se desenvolve nos concellos de Culleredo, Cambre e Bergondo.

‘Kamelamos chanelar’ é un programa non segregado, do que non só forman parte membros da comunidade xitana, a través do que se busca proporcionar apoio pedagóxico complementario aos contidos impartidos nas aulas “estandar” aos nenos e nenas con dificultades de comprensión, socialización e aprendizaxe. O proxecto ofrece ademais outros talleres de fomento de hábitos de hixiene, actividades lúdicas e traballo coas familias a través da chamada ‘escola de pais’ co obxectivo de impulsar a súa participación.

“Con esta iniciativa búscase crear un espazo que proporcione aos escolares confianza nas súas posibilidades e unha axuda para que superen as dificultades que xurdan na aprendizaxe e así avanzar no proceso de comprensión dos contidos escolares. Unha acción fundamental para que os nenos e nenas poidan construír o seu futuro desde a base” indicou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, no encontro telemático.

O programa tamén busca reducir as diferenzas desde a perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se producen na nosa sociedade, así como favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Para conseguir os obxectivos sinalados as persoas que coordinan o programa están en contacto constante co profesorado e a familia da rapazada, coa finalidade de realizar unha intervención personalizada e en grupo centrada nas areas de apoio ou reforzo requiridas, dando prioridade á atención dos nenos e nenas que formen parte dunha familia en situación desfavorecida económica e culturalmente.

No encontro falouse tamén dos baixos niveis de escolarización na comunidade xitana, do compromiso histórico da entidade e dos programas que están a levar a cabo en todo o país, co fin de dotar a determinado conxunto social do que eles denominan como ‘instrucción xeral básica para a vida’.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.