Avia Veira e Jorquera reúnense co presidente da Autoridade Portuaria

Jorquera anuncia que a formación nacionalista volverá levar ao Congreso unha iniciativa a prol da construción do enlace ferroviario á dársena exterior

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, saudou este martes a “disposición ao diálogo e ao consenso” do novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, ao que á vez lle demandou que mude o modelo de xestión do porto coruñés, demasiado dependente do monocultivo dos cruceiros, na dirección de diversificar tráficos e de fortalecer o seu carácter de motor económico e produtivo da cidade.

Jorquera pronunciouse nestes termos na comparecencia conxunta perante os medios que protagonizou con Fernández Prado após a entrevista que o portavoz do BNG e a concelleira Avia Veira mantiveron co presidente da Autoridade Portuaria no marco dos contactos que o titular do porto coruñés vai ter cos distintos grupos políticos.

“É evidente que cómpre superar dinámicas do pasado”, dixo Jorquera, en referencia aos tempos moi recentes en que o porto actuaba como un “contrapoder” fronte á cidade, sen apenas diálogo co Concello. “A Coruña non se pode concibir sen o seu porto. Configurouse como cidade baixo o impulso do porto e este foi sempre motor económico”, considerou o voceiro nacionalista, para quen necesariamente o futuro da dársena, e o necesario redeseño da fachada marítima da cidade, ten de ser froito dun proceso de participación cidadá, mais tamén do diálogo entre as institucións, e nomeadamente entre a Autoridade Portuaria e o Concello. “No deseño do bordo marítimo estase a definir A Coruña do Século XXI”, subliñou.

Na entrevista con Fernández Prado, o BNG puxo o acento na necesidade de mudar o modelo de xestión do porto. “É preciso diversificar tráficos, non só para compensar o impacto do peche da térmica, mais tamén para evitar a dependencia do tráfico de cruceiros”, indicou Jorquera. Coa pandemia viñeron á tona os perigos deste modelo: “Agora o que temos é unha cidade con grandes superficies comerciais baleiras e un porto en boa parte pechado”.

O porto interior, resaltou Jorquera, ten de continuar a ser fundamentalmente porto, vencellado á economía azul, á economía do mar. E nese contexto tórnase como unha demanda básica que se resolva de vez o acceso ferroviario á dársena exterior. “Anunciamos nesa dirección que esta mesma mañá tiven unha conversa co noso portavoz no Congreso, Néstor Rego Candamil, e podo avanzarvos que imos volver levar este asunto ao Congreso de forma urxente”, díxolle Jorquera aos medios.

O acceso ferroviario ao porto exterior e a transformación dos terreos do porto interior unha vez desafectados esixen, a xuízo do BNG, unha “posición común de cidade” para a defender perante o Estado. Son investimentos que, apuntou Jorquera, poderían perfectamente se candidatar para se acolleren aos fondos Next Generation da UE.

Defendeu Jorquera que o investimento do Estado na remodelación dos terreos do porto interior sexa equivalente á débeda contraída pola Autoridade Portuaria con Portos do Estado pola construción da dársena exterior, isto é, por volta de 200 millóns de euros. “Falamos dunha cantidade plurianual, ou sexa, non tería por que se desembolsar nunha única anualidade, mais o investimento do Estado no redeseño do  porto non debe ser inferior á débeda”, remarcou.

Canto á transformación do bordo marítimo, enfatizou Jorquera a necesidade de se daren pasos para constituír un consorcio ou ente análogo. E a seguir o voceiro nacionalista remarcou as liñas mestras do BNG para o deseño da nova fachada marítima da Coruña. “Hai que abrir Coruña ao mar, pondo en valor tamén a identidade portuaria e mariñeira da cidade”, dixo, e nese sentido referiuse á apertura ao público da lonxa, á fundación dun museo marítimo pesqueiro, á rehabilitación do navío grande soleiro El Orzán…

E a outra trabe que ten de soster o porto no futuro é a coexistencia nel de elementos produtivos (inseridos na economía verde e azul), zonas verdes e equipamentos públicos, entre eles un intercambiador de modos de transporte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.