Corcubión en pé. Por @DulceCorcu

«Irmáns!, en pé sereo
a limpa fronte erguida
envoltos na brancura
da luz que cae de riba,
o corazón aberto 
a toda verba amiga
e nunca man a fouce
e noutra man a oliva».
(En pé!. Ramón Cabanillas)

Agora que o foco mediático fai das manifestacións nova diaria, como se fosen algo aillado ou nunca houbese que revolverse para reinvidicar o que é de xustiza, cabe lembrar o pasado dunha pequena vila coma é Corcubión, onde dende tempos pretéritos o espiríto de saír ás rúas e loitar polo seu mantívose vivo ao longo de xeracións. Tamén berce de políticos como Pepe Miñóns, que pagou coa vida as ideas de progreso e avance que procuraba para a nosa bisbarra. Máis adiante, na recén estreada democracia posfranquista, será Rafael Mouzo quen dea a batalla en mil campos distintos, e quen faga da exposición pública un arma tan contundente como efectiva.

Apenas estreada a alcaldía (1979), Mouzo convoca o día primeiro de abril de 1981 unha manifestación en demanda duns servizos sanitarios dignos, que xa incluían a necesidade dun hospital comarcal que acabaría vendo a luz por fin, pero moito máis tarde. ATS, comadrona ou farmacia eran eses «luxos» cos que os veciños e veciñas de Corcubión querían contar e que convertiron a concentración en multitudinaria, incluso con xente achegada dende Cee ou Fisterra. Pacífica como se di agora, pero non exenta de cargas da Garda Civil que acabou con algún fracturado e non poucas multas. Medio millón daquelas pesetas ao propio alcalde, que non conseguiron frealo e o seguínte foi prantarse no despacho do Director Xeral de Saúde Pública en Madrid, de onde non se movería ata traer por escrito que o demandado sería debidamente atendido. Non se librou dun paseíño á Comisaría do Paseo do Prado, escoltado pola Policía, pero non voltou a Corcubión  sen ese papel firmado, que aseguraba ós seus habitantes que a loita por ese benestar que merecían, non fora en van. Idéntica actuación apenas tres anos máis tarde, nun 28 de xuño de 1984 onde coma unha sorte de Santa Compaña, o desfile de almas penitentes -pero non resignadas- enfilaba cara Cee baixo o lema «Co Jallas no 2000 con candil». A Eléctrica do Jallas non era quen de atender ás protestas polo deficiente servizo, a escasa potencia que, entre apagón e apagón, facía unha desfeita nos electrodomésticos das casas.

A mobilización soe dar os seus froitos, pero ás veces a dificultade reside precisamente nesa capacidade para sacar á xente ás rúas, para concienciar e estimular. Rafael Mouzo é un mago nese terreo. Resistente ata a extenuación, incombustible cada Primeiro de Maio, no Casón, no Prestige, na defensa de calquera reclamación cultural ou social, sempre está para dar ese paso á fronte. Se Cunqueiro falaba das mil primaveras do galego…en Corcubión por forza hai que falar das mil batallas de Numantino Mouzo. Para a Historia quedan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.