Cs Lugo propoñerá crear un bono cultural para mozos e xubilados

Cs propoñerá ao pleno dotar os orzamentos de 2022 cunha partida destinada a crear un bono cultural  dun máximo de 100 euros anuais para a mocidade e os maiores lucenses. O obxectivo é promover a colaboración entre os establecementos, entidades e organizacións do eido cultural para dinamizar o sector luncense

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo municipal propoñerá ao pleno dotar os orzamentos de 2022 cunha partida destinada a crear un bono cultural  dun máximo de 100 euros anuais para a mocidade e os maiores lucenses. O obxectivo é promover a colaboración entre os establecementos, entidades e organizacións culturais para dinamizar o sector en Lugo. “O sector cultural viuse afectado de xeito grave neste último ano debido á pandemia e atópase nun delicado momento económico e sobra dicir que a crise da covid están provocando consecuencias nefastas na vida cultural da nosa cidade”, sinalou a concelleira.
“Os museos, os cines e as  bibliotecas sufriron peches, e tamén se aprazaron ou mesmo cancelaron todo tipo de actuacións relacionadas con este ámbito: obras de teatro, festivais, concertos, exposicións itinerantes e outro tipo de espectáculos, tanto en espazos públicos como privados. A cultura pasou a gozarse doutro xeito: dentro dos nosos fogares. Segundo un estudio publicado polo Observatorio da Cultura Galega, o emprego neste ámbito reduciuse nun 5,5%. Tres de cada 100 empregados en Galicia  dedícanse ao sector cultural, que representa o 2% do PIB galego. O 98,5% son Pimes, e máis da metade non teñen asalariados, porque son actividades de autoemprego”, apuntou.

Ciudadanos propón que desde esta administración se promova a actividade cultural, sobre todo, entre as xeracións máis novas e os maiores en situación de xubilación da nosa cidade, como unha forma máis de ocio a través da creación dun bono que lles permita acceder de xeito máis económico a todo tipo de contidos relacionados coa cultura. Para isto a Louzao propón varias fórmulas que deixa en mans do Goberno para elixir a que considere máis oportuna. “Na actualidade, o Concello de Lugo hai censados 13.199 mozos e mozas entre 16 e 30 anos, e 22.404 persoas maiores de 65 anos, polo que destinar 100 euros anuais a esta finalidade sería unha cantidade perfectamente asumible para poñer en marcha esta proposta, sempre e cando soliciten previamente estar interesados na obtención deste bono ou desconto”, apuntou Louzao.

Diferentes fórmulas

“As axudas poden articularse mediante vales dunha cantidade determinada, cunha tarxeta moedeiro, cunha axuda directa ou con descontos prefixados para o consumo de determinados produtos ou eventos. Estes grupos de persoas teñen inquedanzas culturais, pero, ás veces, queda fóra do seu alcance” dixo a concelleira. “É preciso facilitar e fomentar o acceso á distinta e variada oferta cultural, incentivando o seu interese por todas as actividades que teñen preto deles. Ademais, deste modo, incrementarase a asistencia aos espazos culturais, á vez que se contribúe a fortalecer o tecido laboral e empresarial do sector das industrias culturais, ao promover o consumo destes produtos”, engadiu.
“Contamos con espazos públicos que poden albergar moitas actividades deste tipo, tendo en conta, ademais, que o novo auditorio tamén terá unha programación que ampliará as posibilidades neste senso. Do mesmo xeito, que calquera establecemento público ou privado o calquera actividade ligada ao mundo da cultura que o desexe debe poder formar parte do programa;  librerías, tendas de discos, salas de concertos… para ofrecer así un abano máis amplo de oportunidades para as persoas beneficiarias e para dar a coñecer as múltiples opcións existentes na nosa cidade”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.