EU esixe a Feijóo “responsabilidade e prudencia” antes de falar dunha posible relaxación das medidas anticovid

“Resulta incrible que o mesmo Presidente autonómico que pedía un confinamento ao Goberno Central fai tan só dúas semanas pese a non ter adoptado todas as restricións que lle permitía a Lei, agora estea pensando en relaxar as normas sen lembrarse de como chegamos a esta situación”

Na tarde de onte o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba ante os medios que a vindeira semana se podería aprobar “algún respiro” nas medidas contra a Covid-19 na nosa Comunidade.

Esquerda Unida valora estas palabras de “imprudentes e pouco responsables”, dado que pese á baixada na incidencia da Covid-19, a presión asistencial nos hospitais galegos continúa a crecer con máis do 100% das camas UCI ocupadas. Tendo que habilitar quirófanos nalgúns centros a tal fin e volvendo desprogramar intervencións previstas.

Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, traslada que “a incidencia seguirá baixando nos próximos días, pero resulta pouco prudente comezar a dar unha imaxe de relaxación por parte da Xunta cando están as UCI cheas e o persoal sanitario esgotado. Non se trata só de que descenda a incidencia, se non de que se desconxestione o sistema sanitario. Hai que lembrar que o resto de patoloxías non están a ser atendidas igual porque non hai sitio”.

Esquerda Unida lembra tamén que “resulta incrible que o mesmo Presidente autonómico que pedía un confinamento ao Goberno Central fai tan só dúas semanas pese a non ter adoptado todas as restricións que lle permitía a Lei, agora estea pensando en relaxar as normas sen lembrarse de como chegamos a esta situación”.

Eva Solla, afirma que “o señor Feijóo non se lembra que foi a súa teima de “salvar o Nadal” a que nos levou aquí e pretende aplicar o mesmo baile de medidas outra vez. Semella que o que importa para a Xunta agora é o “Salvar o Antroido” e “ Salvar a Semana Santa”…a ver cando se lembran de salvar vidas.”

Esquerda Unida denuncia que o cambio de medidas continuas xera baixa adhesión ás mesmas pola poboación e dificulta a organización aos negocios, que en moitas ocasións saen prexudicados por este cambio continuo.

“Se se relaxan as medidas antes de tempo e volvemos ter un e outro pico, ao final é moito máis prexudicial para as empresas e negocios. Precisamos que avance a campaña de vacinación e se estabilice a situación nos centros sanitarios, pero desde logo, o que precisa a hostalería e o pequeno comercio é que se deixen de anunciar pola Xunta axudas que non chegan a case ninguén e se empreguen os cartos dos fondos que recibiu a nosa comunidade para salvar o tecido productivo deste país de xeito urxente”, afirma Solla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.