FEGADACE denuncia “retrasos e desigualdades” na vacinación dos equipos profesionais dos centros de atención ao dano cerebral

O sistema de inmunización difire enormemente en función das áreas sanitarias. A meirande parte das traballadoras e traballadores de Ourense e Santiago de Compostela aínda non foron citadas.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) quere facer público o seu malestar polo sistema e pasos que o Servizo Galego de Saúde está a seguir na administración da vacina contra a COVID-19. FEGADACE tamén manifesta a súa preocupación pola vulnerabilidade fronte ao coronavirus tanto das profesionais que atenden ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, como do propio colectivo de persoas con esta discapacidade, a meirande parte delas grandes dependentes (Grao III). Parte dos equipos profesionais non foron nin citados para recibir a súa primeira dose, o que redunda nun perigo para as persoas que teñen dano cerebral e son atendidas nos centros.

Ata hoxe a práctica totalidade de profesionais dos centros da Coruña, Lugo e Vigo foron xa vacinados. Sen embargo, nos centros de Santiago e Ourense, tendo enviado os listados de profesionais para vacinación no momento da súa solicitude por parte da Dirección Xeral de Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social (realizada o 12 de febreiro), non se recibiu ningunha citación. Algunhas profesionais desas dúas localidades foron xa vacinadas, pero as súas citas foron realizadas mediante os colexios profesionais (fisioterapia, logopedia e psicoloxía). Entre a semana anterior e a actual foi contactada a Xerencia de Área Sanitaria de Santiago, así como a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria de Política Social, coa fin de resolver esta anomalía, non obtendo ningunha resposta nin acción ao respecto.

FEGADACE tamén quere amosar a súa incomodidade coa desorganización que supón a diverxencia na canalización das chamadas para vacinarse, con profesionais citadas a través dos seus colexios profesionais e outras a través dos centros. Desde a Federación reclámase un procedemento único cunha priorización por colectivos clara, que responda ao risco real da exposición a contaxios e ao potencial perigo para a saúde da persoa infectada.

Esta desorde xera unha situación de desigualdade moi preocupante, cando se está a dar a realidade de que, por exemplo, unha profesional que atende a través de videoconferencia xa foi vacinada, mentres que auxiliares de enfermería, terapeutas e outros perfís implicados na atención directa e presencial aínda non foron nin citados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.