Gómez Reino: «Sería un terrible erro non recurrir a sentenza que indemniza os Franco por Meirás»

Unidas Podemos considera que contra «os expoliadores do público» hai que ir ata o final e evitar así que se xere un precedente na reversión doutros inmobles

Antón Gómez Reino considera un «terrible erro que a Avogacía do Estado non recurra a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco por Meirás» e lembra que aínda se dispón de prazo para que se estude o recurso, se cambie de decisión e se decida «ir ata o final contra os expoliadores do público».

Unidas Podemos cre que resulta incomprensible que se poida avalar a tese de que non houbo «mala fe no expolio continuado dun ben patrimonial por parte da familia Franco cando foi o seu ‘modus operandi’ durante décadas». Gómez Reino amósase sorprendido por este último fallo xudicial, que choca coa apreciación da sentenza do Xulgado de Primeira instancia número 1 da Coruña que si considerou que se deu esta mala fe.

«A cidadanía galega xa pagou o Pazo de Meirás no ano 1938. Coa indemnización que establece esta sentenza volveríamos a pagar unha segunda vez por un ben que, como moitos outros, expoliou o dictador durante os anos do Réxime», sinalou o deputado coruñés.

«Hai que chegar ao final deste proceso contra o espolio do público que fixo con total impunidade durante décadas a familia Franco. Cómpre recurrir e evitar que se sente un precendente que altere outros procesos de recuperación doutros inmobles do patrimonio público», conclúe Gómez Reino.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.