Gonzalo Caballero propón “un gran plan de fortalecemento da sanidade pública galega”

O líder dos socialistas galegos acusa a Feijóo de empregar o debate sobre as FFP2 como “cortina de fume” para agochar a situación límite das UCI galegas tralo fracaso da estratexia Salvar o Nadal

O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe “un gran plan de fortalecemento da sanidade pública galega” logo de constatar o “xaneiro horribilis” provocado polo fracaso da súa estratexia Salvar o Nadal. O líder dos socialistas galegos alertou da situación das UCI no seu nivel máximo mentres Galicia rexistra un número de falecementos por contaxios “extraordinariamente alto”.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG reclamou ao presidente da Xunta fortalecer a sanidade contando con máis persoal estable, para así resolver os problemas derivados da telemedicina ou o aprazamento de intervencións programadas, mellorar o plan de vacinación e reforzar os niveis de rastrexo. “A situación obriga a tomar decisións”, subliñou.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero acusou ao presidente da Xunta de empregar o debate sobre as máscaras FFP2 como “cortina de fume” para agochar a situación real das UCI, cando os datos do Ministerio de Sanidade evidencian que na última semana os ingresos en Galicia están “por enriba de calquera outra comunidade”.

Por iso, cualificou de “irresponsabilidade” que o presidente da Xunta queira “quitarlle gravidade” á situación real. Explicou que Feijóo “terxiversa e manipula” os datos de UCI ao computar camas dos centros privados e posibles camas de reanimación “que poderían estar en funcionamento como camas de UCI pero que non o están”, para así conseguir reducir de forma artificial a ocupación deste servizo a un 25%.

Informe sobre as vacinas

O líder dos socialistas galegos reclamoulle á Consellería de Sanidade un informe “obxectivo e real” sobre as irregularidades detectadas no proceso de vacinación contra o coronavirus “que especifique que cargos do PP recibiron as vacinas sen formar parte da poboación prioritaria”.

Iso, despois de sinalar que o presidente da Xunta “enganou” cando negou no Parlamento que houbera alcaldes do PP vacinados, xusto antes de coñecerse que a alcaldesa de Boimorto fora vacinada no primeiro momento.

“Todos temos que ser rigorosos e serios coas vacinas, e tamén transparentes”, recalcou o responsable do PSdeG, quen criticou que Feijóo tente “colocarse medallas” asegurando que en Galicia poderían poñerse todas as vacinas en poucas horas cando o sistema colapsou durante a habitual campaña da gripe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.