Hostaleiros e comerciantes de A Coruña pagarán a metade do recibo de auga e saneamento desde o segundo trimestre deste ano

José Manuel Lage anunciou tamén a nova instrución que permitirá descontar do recibo do lixo os días de peche de actividade decretados pola Xunta

O Goberno municipal de Inés Rey vén de aprobar en Pleno unha nova batería de medidas de apoio á hostalaría e ao comercio para facer fronte aos efectos da pandemia. Así, e segundo o acordado en decembro coas forzas progresistas da corporación, o Concello da Coruña reducirá nun 50% a taxa da auga e de sumidoiros, tanto na súa parte fixa como na variable, a todos os establecementos afectados polos peches e limitacións decretados pola Xunta de Galicia.

A rebaixa do recibo establécese mediante unha disposición adicional das respectivas ordenanzas, disposición vinculada a crise da Covid e que será de aplicación mentres duren os efectos da pandemia. A baixada no prezo da auga e dos sumidoiros será de aplicación cando a modificación da ordenanza entre en vigor, é dicir, reflictirase desde o segundo trimestre deste ano e manterase ata o 31 de decembro deste ano.

Así mesmo, o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, anunciou tamén a nova instrución, aprobada esta mesma semana, que recolle medidas fiscais para restar no recibo do lixo os días de peche de actividade. No caso deste último recibo, que se xira en setembro, eses días calcularanse en función dos decretos da Xunta e descontaranse de oficio.

Para obter os descontos en auga e saneamento os afectados tampouco terán que solicitalos. Os requisitos para acceder a eles son:

– Que o suxeito pasivo teña a consideración de autónomo, micropeme ou peme conforme a normativa vixente.

– Que o suxeito pasivo sexa titular do contrato de subministro de auga con EMALCSA.

– Que a actividade desenvolvida polo suxeito pasivo sexa afectada polas restricións adoptadas pola autoridade competente como consecuencia do desenvolvemento da COVID 19.

Lage Tuñas destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey, desde o primeiro minuto, coa busca de axudas e de medidas paliativas que contribúan a aliviar a carga das restricións ás persoas máis afectadas por elas. Así este ano, do mesmo xeito que no pasado exercicio, tampouco se pagará pola taxa de terrazas e tamén se modificará o calendario fiscal ampliando os prazos para o pago dos principais tributos. “A factura da covid-19 supera neste Concello os 16 millóns de euros, sendo a Administración que máis aló das súas competencias, máis porcentaxe dos seus orzamentos dedicou a facer fronte ás consecuencias da pandemia”, indicou o portavoz do Goberno municipal.

O concelleiro esixiu tamén unha maior implicación da Xunta, insistindo en que os peches de actividade teñen que vir acompañados, sen demoras, por aportacións económicas que permitan a supervivencia dos afectados e das súas empresas. “A rebaixa nos pregos de auga e do lixo axuda, claro que axuda, mais non pode ser esa a solución aos problemas, ten que dala a Xunta mediante as necesarias prestacións”, pediu o concelleiro.

A rebaixa das taxas, acordada con BNG e Marea Atlántica en decembro, aprobouse finalmente por unanimidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.