Inés Rey: “A recuperación dos Xardíns de Méndez Núñez é posible porque erradicamos o botellón”

A recuperación das roseiras, do calendario floral, a do reloxo, a do céspede, a poda dos magnolios, e a renovación da zona da estatua de John Lennon cunha guitarra floral son as primeiras actuacións desta intervención integral e de renovación deste espazo senlleiro

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe o inicio dos traballos do proxecto global de rehabilitación dos Xardíns de Méndez Núñez, un proxecto “que se pode facer grazas a que esta zona se declarou de especial protección e se erradicou o botellón; doutra forma non sería posible”. A recuperación das roseiras, do calendario floral, a do reloxo, a do céspede, a poda dos magnolios, e a renovación da zona da estatua de John Lennon cunha guitarra floral son as primeiras actuacións desta intervención xeral nun dos espazos verdes máis importantes e senlleiros da cidade.

Desde a declaración dos Xardíns como Zona de Especial Protección en xaneiro de 2020 e a erradicación do botellón, o Concello, explicou a rexedora, esperou un tempo prudencial para que a zona se sanease e “agora iremos actuando en diferentes etapas, renovando as diferentes zonas dos xardíns co obxectivo de que recuperen a súa imaxe”.

Sinalou que esta semana se iniciou un traballo de recuperación das roseiras, que forman parte desta actuación global nos Xardíns de Méndez Núñez que tratará de recuperar o seu deseño histórico e de poñer en valor os seus puntos máis singulares: reloxo, calendario floral, árbores senlleiras… Nestes días, estase a substituír unha primeira capa de terra, regularase o firme e sementarase de novo céspede. Reordenaranse os exemplares vivos e renovarase a colección de roseiras, co fin de tratar de recuperar o seu deseño orixinal, para o que se restaurarán as arcadas metálicas, que se cubrirán con grandes exemplares. Esta actuación rematará nuns vinte días e a continuación recuperaranse os macizos de plantas de temporada que no deseño orixinal se situaban diante do Quiosco Afonso e do estanque de Concepción Arenal.

A alcaldesa destacou que a rehabilitación respectará a configuración e o deseño histórico dos Xardíns do recheo tal e como os coñece a veciñanza. “Somos conscientes da importancia deste espazo emblemático e do orgullo e o afecto que as coruñesas e os coruñeses senten polos seus Xardíns e non queremos facer nada que poida romper esa estética, senón mellorala”, explicou a rexedora, que lembrou os anos de abandono e de deterioración a causa do botellón.

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, que esta mañá supervisou os traballos, explicou que xa se renovou toda a zona do calendario floral, a do reloxo e a do céspede, que xa medra nas zonas onde lle dá o sol.

O seguinte paso, dixo, será rehabilitar as zonas de sombra. Ademais, podáronse os magnolios para que poida entrar máis luz e sexa posible ver o interior dos Xardíns. Tamén se renovou a zona da estatua de John Lennon cunha guitarra floral que está perfilada por Carex, as cordas por coles ornamentais e o interior por primaveras de diferentes cores, que se irán repoñendo con distintas plantas de temporada. Está previsto levar a cabo melloras no mobiliario, a recuperación da contorna onde está situada a estatua da escritora Emilia Pardo Bazán e a instalación de carteis informativos. A longo prazo, proxéctase a unión dos dous xardíns. A dita actuación desenvolverase en colaboración coa Concellaría de Mobilidade, unha vez que se traslade a parada de buses de Entrexardíns.

Fontán lembrou que a actuación responde a un compromiso do Goberno local de Inés Rey para pór en valor estes xardíns históricos onde se combinará a tradición coa modernidade: “Queremos que a veciñanza recupere os seus Xardíns, buscamos o reencontro da cidadanía coa súa historia a través dos Xardíns».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.