Narón abriu un millar de expedientes requirindo a limpeza de parcelas a particulares

O Concello abriu o pasado ano un milleiro de expedientes requirindo a limpeza de fincas aos propietarios e propietarias de parcelas localizadas no termo municipal

O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, explicou que “dende o goberno local levamos a cabo unha intensa labor de vixilancia deste tipo de infraccións, que son debidamente sancionadas no caso de que se incumpran os requirimentos que se efectúan”.

O proceso que se segue para erradicar este tipo de prácticas e manter nas condicións óptimas de limpeza as parcelas localizadas no municipio parte dunha denuncia previa sobre a que se abre un expediente. A continuación, explicou Galego, axentes da Policía Local desprázanse á zona para realizar o informe e a acta correspondentes. No documento faise constar ademais da ubicación da parcela o estado no que se atopa. Entre os expedientes abertos hai casos nos que se detecta a presencia de maleza, outros nos que a maleza invade a vía pública, ou nos que non se respecta a lei de prevención de incendios… “Dende o Consistorio realizamos un requirimento no que se establece un prazo de quince días para proceder a limpar a parcela. Se a limpan teñen que comunicalo, realiza a Policía Local a pertinente comprobación e procédese a archivar o expediente”, apuntou.

En ocasións as propietarias e propietarios das parcelas non atenden aos requirimentos enviados –un máximo de dous- e neses casos iníciase un procedemento xudicial para proceder o Concello, en canto dispoña da perceptiva autorización do xulgado, de executar por vía subsidiaria. “Realizamos a limpeza e a maiores da sanción polo incumprimento, reclámase aos titulares da finca o importe abonado polo Concello polos traballos realizados”, explicou o edil naronés.

Galego recordou que as multas que se contemplan na ordenanza municipal van dende os 750 euros das calificadas como leves ata os 3.000 das “moi graves”.

“Hai casos nos que, en función da calificación urbanística do solo hai que remitir os expedientes á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, por ter competencias nesa zona e é a propia administración autonómica a que estipula as sancións pertinentes”, indicou Galego.

O concelleiro de Medio Ambiente destacou “o labor que se está levando a cabo dende o Concello para que todas as parcelas estean en condicións óptimas de limpeza porque é moi necesario evitar problemas de insalubridade que se detectan en ocasións por falta de limpeza, e tamén evitar posibles incendios ou caída de árbores, entre outros posibles problemas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.