Novo plan de rescate da Deputación A Coruña aos sectores máis afectados pola pandemia

O pleno aprobou hoxe a consignación orzamentaria deste novo plan de axudas directas para 2021, que se suma aos 12,5 millóns do PEL-Reactiva

A Deputación da Coruña destinará este ano outros 12 millóns de euros para un novo plan de axudas destinado aos autónomos e pequenas empresas dos sectores máis afectados pola Covid-19, coma a hostalería, o pequeno comercio ou as empresas relacionadas co sector turístico.

A consignación económica para esta nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) foi aprobada hoxe no pleno por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación provincial e supón preto dun 7% do orzamento total da Deputación para 2021. O novo plan dará continuidade ao PEL-Reactiva, realizado en colaboración cos concellos, que están distrubuindo as axudas por importe total de 12,5 millóns de euros entre miles de pequenas empresas da provincia.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, agradeceu o aopio unánime da corporación para activar este novo plan de 12 millóns de euros e destacou que «a Deputación da Coruña vai a seguir o camiño que iniciamos o ano pasado: pór a disposición da sociedade todos os recursos dispoñibles para apoiar a reactivación social e económica da provincia, apoiando especialmente aos sectores que máis están sufrindo as restriccións e os efectos da pandemia, coma a hostalaría ou o  pequeno comercio, entre os que unha gran maioría son autónomos ou microempresas».

«Imos facelo ademáis cunha tramitación rápida, simplificando ao máximo os requisitos burocráticos para lograr a maior axilidade administrativa, porque somos conscientes da situación crítica que atravesan estes sectores e da importancia que teñen para o mantemento do emprego e a xeración de riqueza», apuntou González Formoso, que durante as últimas semanas mantivo xunto co seu goberno reunións con asociacións de hostaleiros, axencias de viaxe e outros sectores afectados pola crise, que coincidiron na urxencia de que as axudas cheguen canto antes para evitar o peche definitivo de moitos negocios.

González Formoso sostivo que o goberno provincial «non se esconde detrás das competencias» e volverá a facer este ano «un esforzo económico sen precedentes» para intentar amortiguar «unha situación crítica para moitas empresas e moitas persoas, reforzando e adaptando á realidade post covid todos os seus programas sociais e de promoción do emprego».

Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira, considerou tamén que a Deputación «está a cumprir co compromiso coas pequenas e medianas empresas dos sectores máis afectados pola crise da Covid-19, implementando un novo PEL cunha partida económica de máis de doce millóns de euros coa que pretendemos chegar ás necesidades máis urxentes e imperiosas dos diferentes sectores, pensando principalmente no turístico, hosteleiro ou axencias de viaxes de cara a non perder competitividade no momento en que remate a actual situación».

Como responsable da área de Turismo, Regueira destaca que «desde o inicio da crise tivemos unha especial preocupación polo sector turístico que sofre de maneira máis intensa os peches administrativos e de mobilidade polo que o consideramos un sector prioritario para ser beneficiario destas axudas», apuntou.

Incremento dun 40% no PEL 2021, con bonificacións ás cotas de autónomos

Valentín González Formoso anunciou tamén que a Deputación abrirá a principios do mes de marzo o prazo de solicitudes das axudas do PEL-2021, cuxas bases foron publicadas no BOP de onte, e que contará cun orzamento inicial de 5 millóns de euros (un 40% máis que o ano pasado).

Ademáis das liñas habituais para subvencionar a contratación de persoal ou impulsar a actividade das empresas, o PEL 2021 incorporará importantes novidades como axudas para subvencionar o 70% da cuota de autónomos ou a posibilidade de compatibilizar as diferentes liñas de axudas entre sí.

Estas novidades son produto da experiencia que a área de Emprego da Deputación acumula desde a creación do PEL en 2016 e pretenden adaptar as axudas ás necesidades reais do tecido  empresarial na situación actual.

Tres millóns para reforzar os plans da Coruña, Santiago e Ferrol

O pleno de hoxe deu tamén luz verde por unanimidade aos convenios coas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela polos que a Deputación achegará un total de 3 millóns de euros para complementar os fondos dos plans de reactivación económica destes tres municipios: PRESCO, PAME e Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago.

En concreto, A Coruña recibirá 1,2 millóns de euros, Santiago 1 millón e Ferrol 800.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.