O BNG A Coruña pregunta ao Goberno local sobre “o mal funcionamento da nova aplicación da ORA”

A concelleira do BNG Avia Veira vén de lle dirixir unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local en relación ao mal funcionamento da nova aplicación da ORA, introducida hai uns meses pola concesionaria do servizo, a empresa Setex Aparki

En concreto, Veira inquire o Goberno Local sobre se recibiu queixas de usuarios a respecto dos erros que dá a nova aplicación e se coñece os casos de sancións impostas a persoas que tentaron realizar o pagamento da ORA e non o puideron realizar por fallos no sistema.

Entre os erros da nova aplicación de que ten constancia o grupo municipal do BNG, por terlle sido reportados por usuarias da aplicación, figura o feito de que a algunhas persoas non lle ten sido traspasado o saldo da aplicación da vella á nova.

“Ademais”, indica Avia Veira no texto desta iniciativa, “téñennos chegado ao grupo municipal do BNG queixas sobre outra problemática en relación a que a empresa adxudicataria da ORA, Setex Aparki, está a xestionar mal e lentamente a tramitación das tarxetas de residente”.

Sobre esta última cuestión interésase Avia Veira nas súas preguntas por escrito ao Goberno Local. A maiores, a concelleira nacionalista insta o Executivo coruñés a que esixa da empresa concesionaria “que asuma os custes de ofrecer un mal servizo”. “Non pode ser que as que paguen a factura do deficiente funcionamento da aplicación sexan as persoas usuarias”, subliña.

En definitiva, Avia Veira anima o Goberno Local a que adopte medidas para “garantir os dereitos das persoas usuarias do aparcamento regulado na nosa cidade”, lesionados polo mal funcionamento desta aplicación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.