O BNG de Oleiros leva ao Parlamento emendas aos Orzamentos da Xunta para 2021 por valor de case 2M€

A formación nacionalista valora o proxecto orzamentario do goberno de Feijóo como “máis dos mesmos esquecementos de sempre” e propón elevar os investimentos en centros de ensino, na sanidade, na xestión dos espazos naturais protexidos ou no Porto de Lorbé 

Un ano máis o BNG de Oleiros propón enmendas aos orzamentos da Xunta. “Para este 2021 o Goberno ten previsto investir no concello unha cantidade similar á investida en exercicios pasados, o que supón unha atención orzamentaria claramente de insuficiente a respecto das necesidades do municipio en ámbitos cuxa competencia directa corresponde ao executivo de Núñez Feijóo”.

Nun momento epidemiolóxico no que é vital, máis que nunca, reforzar a sanidade pública como garantía do dereito básico á saúde para todas as persoas, o BNG recorda a problemática que existe ao non haber prazas específicas de pediatra nin no Consultorio de Mera nin no Centro de Saúde de Oleiros: neste último as nenas e nenos cuxas familias teñen adscrito o Centro da Covada téñense que desprazar a Santa Cruz ou a Perillo, cando non directamente ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña. O BNG recorda tamén a necesidade de mellorar a atención primaria tanto en Mera (onde é necesario reforzar o servizo de enfermaría) como en Oleiros e mellorar as instalacións do PAC de Santa Cruz, que dispón de dúas salas baleiras que facilmente poderían converterse en consultorios”. Nas súas emendas o BNG propón un investimento neste apartado de 200.000 €.

Nas súas emendas o BNG propón tamén aumentar o investimento da Xunta nos centros escolares do municipio para estes adaptarse mesmo ás necesidades máis correntes. “Un exemplo paradigmático que mesmo ten orixinado unha orixinal iniciativa reivindicativa nos últimos meses é o dos baños nas aulas infantil no CEIP Valle Inclán de Perillo ou tamén outra demanda xa histórica: a cuberta para a pista deportiva do CEIP Juana de Vega de Nós”. O BNG oleirense lembra que en todos os centros educativos hai moitas pequenas obras “que non poden esperar outro ano máis e que son inasumíbeis se non se lles adica máis orzamento”. Proponse aquí un investimento de 1.200.000€.

Como en anos anteriores o BNG presenta tamén unha emenda para que a Xunta aumente o seu compromiso orzamentario co CEIDA, un centro de referencia internacional na divulgación e na educación ambiental que, a pesar do seu gran potencial, segue a padecer nun contexto de “resistencia, cando non de indixencia orzamentaria” . O Bloque propón para o centro do Castelo de Santa Cruz un investimento específico de 500.000€. Asemade, a formación nacionalista propón que os Orzamentos da Xunta contemplen unha reivindicación na que o BNG vén insistindo desde hai anos: a creación dun Plan Director para a xestión do Monumento Natural da Costa Dexo-Serantes, un espazo protexido da Rede Natura 2000 catalogado como ZEC. Para o BNG un espazo natural de tal valor e posibilidades non pode seguir sen un plan definido que regule o seu uso e conservación. Para a súa redacción proponse unha dotación orzamentaria de 300.000€.

Por último, o BNG traslada a través da batería de emendas presentada outra reivindicación histórica: a execución do remate do acceso ao porto de Lorbé dende a Vía Ártabra, “un proxecto que quedou no aire e pasa de despacho en despacho mentres os traballadores do mar, profesionais portuarios e outros usuarios padecen cada día os problemas desta obra non rematada”. A través desta emenda, por valor de 700.000 €, o BNG oleirense expresa a súa aposta por un porto con vida, competitivo e de calidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.