O Colectivo das Pedras Galladas denuncia verteduras no río Valiñas pola construción dunha gasolineira en Ledoño

O río Valiñas está a sufrir verteduras incontroladas ao seu paso por Ledoño, á altura das obras de construción dunha estación de servizo
A pesar de que na superficie existen límites que impedirían o paso dos restos de obra ao leito fluvial, a realidade é que existe unha canalización que está vertendo líquido. Alén de todo iso, a vexetación nesa beira do río foi destruída, e a zona está completamente anegada, con barro e posiblemente restos de obra.
O Colectivo das Pedras Galladas solicita que se revisen todos os informes polos que se se permitiu unha obra destas características na mesma beira do río, con risco evidente de contaminación grave. Tamén, lembran que varias persoas alegaron en contra do proxecto alertando precisamente de que é habitual que esas terras se asolaguen coas chuvias, e a resposta de Augas de Galicia foi que a zona é inundable pero que “a parcela non se vería afectada pola dita avenida” da cota da auga.A realidade dinos o contrario.
As verteduras foron denunciadas desde a propia veciñanza pero polo de agora non nos consta ningunha actuación para mudar a situación. A obra está incumprindo supostamente varios preceptos de Augas de Galicia, como non verter restos de obra ao leito do río, non destrución da masa arbustiva da ribeira ou evitar o toldamento das augas.
Ao Concello de Culleredo tamén piden implicación na defensa e protección do seu patrimonio natural e que apoie á veciñanza que está denunciando as irregularidades arredor desta obra.