O Goberno local de A Coruña confírmalle ao BNG que o cumprimento xeral do contrato para o mantemento das zonas verdes “dista moito de ser satisfactorio”

A concesionaria apenas ten subcontratado entre 9 e 11 traballadoras/es dos Centros Especiais de Emprego

O cumprimento xeral do contrato para o mantemento das zonas verdes do Concello de A Coruña coa concesionaria Althenia SL dista moito de ser satisfactorio, indica o Goberno Local en resposta a unha pregunta por escrito formulada polo portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera.

Inquirido ao respecto, o Goberno Local comunícalle ao BNG que xa ten iniciado o proceso de redacción dos novos pregos para contratar un novo servizo. “Estamos cos pregos dos lotes 1,2 e 3 dende o mes de novembro”, sinala o Executivo coruñés.

Jorquera dirixírase ao Goberno Local para entre outras cousas saber cantas persoas dos Centros Especiais de Emprego tiña subcontratadas a concesionaria nos lotes 1, 2 e 3 do servizo.

Os Centros Especiais de Emprego son empresas da economía social cuxo propósito é procurar postos de traballo de calidade a persoas con discapacidade.

Segundo a resposta do Goberno Local, o número de persoas subcontratadas aos Centros Especiais de Emprego oscilaría entre os 9 e os 11, que se debullarían do seguinte xeito: entre 3 e 4 traballadoras/es no lote 1 (mantemento do Parque Adolfo Suárez) e entre 6 e 7 traballadoras/es no lote 3 (Cemiterio de Feans). No lote 2 (Parque de San Diego) non habería ningunha persoa subcontratada.

Canto ao importe subcontratado por Althenia cos Centros Especiais de Emprego, polo que tamén se interesara Jorquera, respóndelle o Goberno Local que “as contías que veñen no contrato son: 209.108,34 euros por ano no lote 1; 218.123,26 por ano no lote 2 e 220.554,63 euros por ano no lote 3”.

Á hora de acometer a redacción dos novos pregos, o portavoz do BNG instaba o Executivo coruñés a que na fixación dos criterios de adxudicación primase “a calidade na prestación do servizo” sobre os factores económicos. O Goberno Local dille ao Bloque que terá en conta esa perspectiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.