O Grupo Socialista insta á Xunta a “actuar” para manter o emprego en Galicia Téxtil

Martín Seco critica a “impasividade” do goberno galego en materia de política industrial cando dispón de “competencias exclusivas”

O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de instar á Xunta a “actuar” para manter o emprego en Galicia Téxtil, tralo expediente de regulación de emprego “que deixa tras de si 13 despidos”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao director xeral do IGAPE.

“Galicia Téxtil contaba con 36 traballadoras e traballadores e vén de finalizar o período de consultas dun ERE con 13 despidos, xustificado por cuestións económicas”, sinalou Seco, quen lembrou que “o goberno galego ten a obriga de facer labores de mediación para que non sucedan estas cousas”, pero, a día de hoxe, “aínda non recibiu aos representantes dos traballadores da empresa”.

Así, o responsable socialista sinalou que a Xunta “chega tarde” cando “agarda a que termine o período de consultas do ERE e os traballadores xa se viron obrigados a xudicializar o problema”. Por iso, pediu ao goberno galego “celeridade” para “chegar ás mediacións entre empresas e traballadores cando é realmente oportuno”.

No caso de Galicia Téxtil, o responsable socialista lembrou que se trata dunha empresa “senlleira” no Concello de Neda, que “chegou a ter 400 traballadoras e traballadores” e que, agora, anuncia un despido colectivo ao que se opón o persoal “ao entender que é totalmente desproporcionado” con respecto á situación actual da empresa.

Ademais, sinalou Seco, esta empresa “xestiona un salto hidroeléctrico de 200 KW para autoconsumo, segundo as palabras do propio director xeral do IGAPE”, polo que “non é admisible que aproveite os nosos recursos naturais para abaratar custos de produción e logo despedir a uns traballadores, cando existen alternativas a ditos despidos”.

“Aínda que no 2019 os resultados fosen negativos, estos veñen derivados de situacións conxunturais, pero non son causados polo impacto dos custes laborais do cadro de persoal”, remarcou o responsable socialista, quen incidiu en que existen “medidas menos lesivas para as traballadoras e traballadores”, como prexubilizacións ou ERTE rotatorios.

“Non podemos permitir que continúe a sangría industrial, económica e social en Ferrolterra”, sentenciou Seco.

Nesta liña, o responsable socialista criticou a “impasividade” do goberno da Xunta ante a situación de crise en Ferrolterra, “que ven como, un día tras outro, empresas do noso territorio desaparecen, deslocalízanse ou cambian cara a mans foráneas”. Así, lamentou “a falla de estratexia e proxecto por parte da Xunta que poida reverter esta situación”, xa que mantén a súa inacción cando dispón de “competencias exclusivas” en materia industrial.

Trala celebración da Comisión de Industria, Seco mantivo unha xuntanza con traballadoras e traballadores de Galicia Téxtil, que acudiron ao Pazo do Hórreo para facer seguimento da iniciativa que o PSdeG levou a debate no Parlamento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.