O MGSM inicia mobilizacións para reclamar vacinación prioritaria para os pacientes dos hospitais psiquiátricos

A mediados de xaneiro de 2021 produciuse un importante gromo de contaxios por covid 19 no Hospital Psiquiátrico de Conxo, con 43 positivos entre traballadores/as e pacientes, e con resultado de 2 falecementos

Esta situación deixou patente a situación de risco que supón para todos/as, e as dificultades para prever focos de contaxio nun centro sanitario onde conviven a diario mais de 300 persoas, compartindo dormitorios, baños e salas comúns, actividades e proxectos de rehabilitación. Este risco elévase para todos aqueles pacientes de maior idade (máis da metade son maiores de 65 anos) ou comorbilidade asociada (frecuente en persoas con trastorno mental grave, tal como destacan investigación recentes, con enfermidades de risco de gravidade ante contaxio por covid).

O 24 de xaneiro, o Movemento Galego da Saúde Mental elaborou un comunicado insistindo na necesidade da vacinación prioritaria a persoal e residentes dos hospitais psiquiátricos coa maior premura posible, entendendo que tiñan que ser incluídos no grupo I da estratexia nacional de vacinación: persoas internas e persoal sanitario e sociosanitario en residencias de persoas maiores e con discapacidade.

Con data de 4 de febreiro recíbese contestación positiva desde a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, declarando a intención de proceder o antes posible á vacinación.

Ninguén tivera en conta o colectivo de persoas ingresadas en unidades de media e longa estancia. Ninguén se acordara da existencia de tantas persoas que viven en institucións psiquiátricas, a maior parte durante anos ou décadas. Non hai maior discriminación que o esquecemento da súa existencia. É o refrexo de como a sociedade exclúe a determinados colectivos, nomeadamente os que padecen trastornos mentais graves e están institucionalizados.

A situación deriva na máxima inxustiza cando comeza o período de vacinación planificado desde o SERGAS para o persoal sanitario e non sanitario, e os/as residentes seguen a esperar que se acorden deles.

O persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo estase a mobilizar para que non se esqueza a súa reivindicación de vacinación prioritaria para residentes e traballadores/as. Por este motivo van presentar un escrito de firmas, dirixido ao Presidente da Xunta, con envío para o seu coñecemento á Ministra de Sanidade e ao Defensor del Pueblo.

Ademais, o martes 16 de febreiro ás 15:30 da tarde, realizarase un breve acto simbólico, diante do Hospital Psiquiátrico de Conxo, coa intención de visibilizar a quen están sendo máis invisibles que nunca nesta dura crise sanitaria. O acto realizarase gardando todas as medidas de precaución recomendadas polas autoridades sanitarias.

O texto presentado con recollida de firmas é o seguinte:

A/A PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

Coa nosa firma, queremos mostrar o noso rexeitamento mais absoluto á marxinación que as persoas con trastorno mental están a padecer, e moi especialmente quen están residindo en institucións psiquiátricas de longa estadía.

A pandemia covid -19 mostra, do modo mais descarnado e doroso posible, a marxinación de que son vítimas, polo esquecemento xeral que todas as institucións sociais tiveron con eles/as, ao non incluílos como grupo prioritario de vacinación (ao mesmo tempo que o grupo de residencias da terceira idade e con discapacidade).

As Institucións encargadas de velar pola igualdade real e efectiva de toda a cidadanía, non poden contribuír a manter a marxinación, estigma e abandono de tantas persoas, discriminadas polas súas condicións de saúde e situación de fraxilidade. Abandono que se fai mais agudo agora que o persoal que lles prestamos atención e coidados seremos vacinados e eles seguirán á espera, illados, sendo cada vez mais conscientes das diferenzas de trato de que son obxecto.

PERSOAL DO HOSPITAL PSIQUIÁTRICO DE CONXO

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.