Paloma Castro: “O PP rexeita retomar a reurbanización de Monteporreiro, paralizada dende hai 8 anos e prometida por Feijóo nos programas electorais de 2016 e 2020”

Paloma Castro critica que este proxecto “engrosa a lista de promesas electorais incumpridas polo PP, xunto ao dragado do Lérez, a ampliación de Montecelo, a variante de Alba ou a depuradora de Praceres”

A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, vén de urxir á Xunta que reactive o proxecto de reurbanización de Monteporreiro, que leva paralizado dende o ano 2013. Fíxoo, hoxe, a través dunha proposición non de lei presentada na Comisión de Obras Públicas do Parlamento, que contou co rexeitamento do PP e coa abstención do BNG.

A responsable socialista denunciou o desleixo da Xunta cun “dos barrios máis poboados de Pontevedra” e esixiu que se retome o proxecto de reforma de Monteporreiro, xa que “malia que a Xunta prometeu 10 millóns de euros nun suposto macroproxecto, só executaron 1,6 millóns”.

Castro lembrou que o goberno galego ”tan só levou a cabo a primeira fase deste proxecto”, realizando unha actuación na rúa Alemaña, o que supón unha fase das catro anunciadas no ano 2012 polo entón conselleiro de Vivenda, o pontevedrés Agustín Hernández. Así, lamentou que “oito anos despois, a Xunta non fixo ningunha actuación máis” e “abandonou este barrio”.

“Iso sí, o macroproxecto serviulle ao PP para incluílo no seu programa electoral nas eleccións do señor Feijóo para 2016 e 2020”, aseverou a socialista, quen criticou que o desenvolvemento do mesmo “non está contemplado nos orzamentos” da Xunta para 2021, o que supón “un claro engano á veciñanza do barrio e á cidadanía de Pontevedra”.

Castro lamentou que este proxecto “engrosa a lista de promesas electorais incumpridas polo PP, xunto ao dragado do Lérez, a ampliación de Montecelo, a variante de Alba, a depuradora de Praceres e un longo etcétera”.

Por último, a responsable socialista criticou a política de “balóns fóra do PP”, que “culpa agora ao Concello de Pontevedra da falla de investimentos da Xunta na cidade”. Nesta liña, esixiu ao portavoz do PP no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, “que lle dea explicacións á veciñanza do barrio sobre a postura da Xunta e dos seus compañeiros do PP no Parlamento de Galicia” cando votan en contra dun proxecto coma este.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.