Que inflúe na muda lingüística da mocidade?

O paso da educación primaria á secundaria e o mundo laboral son dous momentos chave no cambio do galego ao castelán, sinala un traballo publicado en Cadernos de Lingua e realizado no marco do proxecto da RAG O galego segundo a mocidade

O paso da educación primaria á secundaria e mais o comezo da vida laboral son dous momentos chave nas mudas lingüísticas da mocidade en prexuízo do uso do galego. Así o conclúe un traballo de Lidia Gómez Martínez publicado no último número de Cadernos de Lingua, unha análise das narrativas biográficas de dezasete mozos e mozas galegas nas que estes contan e interpretan as súas experiencias vitais arredor da lingua. As entrevistas nas que se basea esta achega realizáronse no marco do proxecto en curso O galego segundo a mocidade do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.

O último número de Cadernos de lingua está dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, onde pode consultarse xunto aos demais volumes da revista que edita a RAG baixo a dirección do académico Manuel González. O último número inclúe tamén unha análise das actitudes e percepcións lingüísticas na fronteira entre Galicia e Portugal e un estudo sobre a fala de Cerdido (A Coruña). Pecha o volume unha recensión do primeiro monográfico da revista Estudos de Lingüística Galega, dedicado á variación e mudanza no complexo lingüístico galego-portugués.

Cambio de etapa educativa e acceso ao mundo laboral

O artigo de Lidia Gómez constitúe unha primeira aproximación ás distintas situacións que se producen na infancia, na adolescencia e na mocidade e que provocan un retroceso no uso do galego para tratar de comprender o porqué da muda lingüística e facilitar as accións normalizadoras. O cambio de etapa educativa é un dos momentos críticos no cambio de lingua, aínda que este depende tamén doutros factores, advirte. “Os e as informantes entrevistadas comezan a introducir o castelán nas súas prácticas habituais cando o cambio de etapa vai acompañado dun cambio de centro, normalmente situado nun hábitat con características urbanas, e tamén dun cambio nas redes sociais. Os mozos e mozas asumen que o castelán é non só a lingua habitual maioritaria nos núcleos urbanos cara ós que se desprazan senón tamén a lingua que se espera que eles e elas falen; o emprego do castelán revélase logo como un mecanismo de integración nas novas redes sociais que deben tecer nun escenario cun maior grao de urbanización que os seus lugares de orixe ou residencia”, concreta.

Xeralmente as persoas que non experimentaron cambios de hábitat durante a súa etapa formativa non presentan mudas lingüísticas durante a adolescencia, mais si con frecuencia unha vez comeza a súa vida laboral. “Nesta ocasión as mudas, ben sexan espontáneas dos e das informantes ben sexan solicitadas polos seus superiores, veñen marcadas por unha concepción negativa máis que das interaccións bilingües en si, do mantemento do galego cun interlocutor ou interlocutora castelanfalante, especialmente se se trata de clientes ou usuarios ós que atender no contexto laboral”.

Estes resultados reafirman, entre outras cuestións, a necesidade de que os esforzos normalizadores e de política lingüística se dirixan a desmontar a asociación galego-rural e castelán-urbano e darlles visibilidade aos e ás galegofalantes urbanos, advirte Lidia Gómez Martínez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.