Revista do Fútbol Feminino Galego – Número 89 (febreiro, 2021)

O inverno, como todo, ten aqueles detractores e os outros que o adoran. É un pouco coma o fútbol galego, que segundo como se mire, está nun bo momento, pero tamén nun de crise.

Os nosos dous principais equipos, Deportivo e Friol, son pechacancelas. Entraron no inverno con roupas de outono, ou de verán, e non apañaron unhas para o frío nin nas rebaixas. Fronte a iso, o resto da temporada semella que será como unha glaciación. O Deportivo, mergullado na súa particular crise deportiva do equipo masculino, non lembra que ten un feminino que necesita comprar abrigos, porque aos da campaña pasada xa non abonda con remendarlles os buracos cunhas puntadas de fío negro. O caso do Friol é como entrar na nave do misterio á que cada vez lle faltan máis tripulantes. O equipo, desabrigado pola zona baixa, pasou un mal Nadal. Logo das vacacións, tres das catro estranxeiras desapareceron do plantel e outra, a guatemalteca Monterroso, traballaba administrativamente durante o mes para regularizar a súa situación e poder retornar a Galiza. A reactivación, coa mudanza no banco -lembremos que saíu Abraham García pola porta de atrás do autobús Xixón-Friol para deixarlle paso a José Manuel González-, pode ficar minimizada pola carencia de efectivos, feito que se agrava se pola pandemia, a do coronavirus ou a da gripe coruñesa, o conxunto lugués non puido convocar a tres mariñáns da ribeira do Orzán. En fin, que as coitadas extracomunitarias, que non falan papa de español, collan confesados aos que sospeiten que deban pasar polo quiosquiño eclesiástico, onde o de negro -non me refiro a árbitros-, entre brazadas verticais e horizontais, lles reparta absolucións metafísicas en troques de tres Pai Nosos e cinco Ave Marías, se é que pecaron.

Máis bonito é mirar a Primeira Nacional, con movementos constantes nas posicións de cabeza. Hoxe o Interrías, mañá o Dépor B, antes o Victoria de Santiago, despois o Mos e aínda o Victoria da Coruña. Que cinco! Hai anos que non viamos un espectáculo deste calibre. E, pensando, é que ao mellor non o viamos porque é a primeira vez que se dá.

En fin… o inverno, para os que detestan o frío e para os que o aman.

Carlos Castro. Director

Revista do Fútbol Feminino Galego – Número 89 (febreiro, 2021

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.