Un carril 30 na rolda de Outeiro para evitar a dobre fila e mellorar a seguridade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que a nova senda se habilitará no tramo comprendido entre a avenida do Exército e Peruleiro, en ambos os sentidos da circulación, e comezará a ser pintada previsiblemente o vindeiro luns

A alcaldesa anunciou que o Concello de A Coruña instalará un carril 30 na rolda de Outeiro co fin de “eliminar a dobre fila e mellorar a seguridade viaria” nesta arteria da cidade. A nova senda habilitarase no tramo comprendido entre a avenida do Exército e Peruleiro, en ambos os sentidos da circulación, e previsiblemente o vindeiro luns comezará a ser pintada. A sinalización vertical xa está instalada e nos próximos días establecerase a sinalización horizontal. A alcaldesa apuntou que, para combater a dobre fila, o Goberno local tamén reforzará a vixilancia policial na zona.

Rey asegurou que o Goberno local continúa con Coruña Cidade 30, “que xa é unha marca de cidade e grazas a ela conseguiuse calmar o tráfico en practicamente toda a cidade, permitiuse a convivencia de novas formas de mobilidade, mellorouse a eficiencia do transporte público e respéctase a cidadanía que camiña e que desfruta do espazo urbano en condicións de seguridade”, dixo Inés Rey. Con estas actuacións enmarcadas no devandito plan, sinalou a rexedora, “recuperamos 50.000 metros cadrados de espazo público que xa podemos transitar a pé, con novos carrís como o de corredores e ciclistas do Paseo Marítimo” e, apuntou, “coa premisa dun carril menos, unha beirarrúa máis, agora estendemos esta redución de velocidade a 30 quilómetros por hora na rolda de Outeiro”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.