Unidas Podemos presentará unha iniciativa para que as administracións eviten que Siemens Gamesa peche a planta de Somozas

Gómez Reino: «Hai que lembrar que a posta en marcha desta factoría levou como contrapartida a adxudicación de 760 megavatios en parques eólicos a Gamesa por parte da Xunta de Galicia»

O Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común ultima unha iniciativa parlamentaria para que as administracións públicas se impliquen de forma máis directa para evitar o proceso de peche das plantas de fabricación e reparación de palas de aeroxeradores de Somozas e Cuenca que a multinacional Siemens Gamesa puxo en marcha o pasado mes de xaneiro.

A proposta, asinada polos deputados Antón Gómez Reino e Enrique Santiago, destaca o intenso traballo sindical para aportar alternativas factibles que eviten máis peches, «sobre todo nunha comarca tan castigada laboral e industrialmente como Ferrolterra, tras décadas de abandono por parte dun goberno da Xunta cunha nula política industrial e co plácet dos gobernos centrais do Partido Popular».

En concreto, a proposición non de lei insta ao Goberno, entre outras cuestións, a que se poñan en marcha de inmediato «todas as accións precisas para favorecer o mantemento da actividade industrial en ditas plantas, no marco da colaboración institucional coas diferentes administracións territoriais». A multinacional hispanoalemana pretende levar a cabo un despido colectivo que afectaría a un total de 266 profesionais das dúas factorías, «preocupando sobre todo o caso galego posto que o 82% do persoal despedido traballa na fábrica de Somozas», indicou Gómez Reino.

«Hai que evitar por todos os medios que, a lo menos, 215 familias de Ferrolterra acaben na rúa» xa que a isto habería que sumarlle o impacto pola reestruturación nas oficinas corporativas, sen cuantificar pola empresa, así como un número considerable de postos de traballo indirectos. A proposición non de lei empraza tamén a «Siemens Gamesa, á representación dos traballadores e ás administracións implicadas a buscar solucións a calquera despedimento nas plantas de Somozas e Cuenca».

O deputado galego pón de manifesto que «o que tamén nos preocupa é que se estean a producir peches nun sector como o das renovables, en expansión en todo o Estado grazas tamén ao impulso que dende o goberno de coalición se lle está a dar a este tipo de enerxía. Estamos a posicionarnos como un dos lugares máis atractivos para investir en renovables, sobre todo en Galicia, pero o que vemos por parte de Siemens Gamesa é deslocalización en Portugal e por parte da Xunta de Feijóo unha alfombra vermella para que o fagan», indicou Gómez Reino.

«Mentres», continuou, «a pesar das perdas puntuais en 2020, Siemens Gamesa arroxou nos tres últimos anos beneficios netos e unha carteira total de pedidos que, ao mes de setembro, sobrepasaban os 30.000 millóns de euros». O deputado tamén recordou que a posta en marcha desta factoría levou como contrapartida a adxudicación de 760 megavatios en parques eólicos a Gamesa por parte da Xunta de Galicia».

Finalmente, a iniciativa parlamentaria que se ultima insta tamén a «continuar realizando o seguimento de todas as situacións que afectan á industria española e que puideran derivar nunha perda de actividade industrial e de emprego».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.