14M€ para reforzar os programas sociais dos concellos coruñeses

Valentín González Formoso destaca que a Deputación reforza este ano todos os seus programas sociais “para non deixar a ninguén atrás na saída da crise”

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todas as forzas políticas, o Fondo Social do Plan Único (POS+2021), que destina 13.8848.408 euros para apoiar aos concellos da provincia no incremento do gasto social derivado da pandemia.

Ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), reforzo da plantilla de persoal nas áreas sociais dos concellos, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, adquisición de EPIs ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos desta crise son algúns dos programas municipais que contarán co apoio da Deputación a través deste novo  Fondo Social do Plan Único, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que agradeceu o apoio unánime da corporación e destacou “a adaptación” do Plan á situación  actual para dar resposta ás necesidades dos concellos e da cidadanía, reforzando os programas de protección social dos concellos para non deixar a ninguén atrás na saída da crise”.

O presidente lembrou que a Deputación da Coruña reforzou este ano todos os seus programas sociais para facer fronte ás consecuencias da pandemia entre os colectivos máis vulnerables e as familias con menos recursos, un compromiso que se plasma nos Orzamentos 2021 da institución provincial, que este ano incrementou a partida da área social de 11,8 a 27,4 millóns de euros, un 137% mais que no pasado exercicio.

“As políticas sociais e de reactivación económica e apoio aos sectores máis afectados pola pandemia son as prioridades absolutas da Deputación este ano”, apuntou Valentín González Formoso, que subliñou o feito de  que o Plan Único, o principal programa de investimentos da Deputación nos 93 municipios coruñeses, “adquira tamén este ano unha nova dimensión social, destinando un de cada cinco euros a programas sociais”.

O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais, Xosé Regueira, destaca que o Plan Único “volve mostrarse como unha ferramenta útil en calquera tipo de situacións, neste caso non só para planificar investimentos e pagar gastos senón tamén para facer fronte ás necesidades dos concellos para urxencias derivadas da crise sanitaria”.

Segundo Regueira, o POS Social é supón unha “importante transferencia aos concellos que vai servir para intensificar os servizos sociais, contratar persoal ou afondar en temas urxentes e de especial relevancia tamén derivados da pandemia como o incremento da violencia machista xa que se poden desenvolver novas ferramentas para traballar en igualdade desde os concellos e loitar por superar estas situacións que poñen en perigo a vida das mulleres”.

O 44% dos fondos destínanse a ampliar a axuda no fogar

Ao igual que sucede cos fondos convencionais para obras e servizos do Plan Único, son os concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os recursos consignados deste novo POS Social.

Dos preto de 14 millóns de euros que a Deputación destina este ano a reforzar os servizos sociais municipais, algo menos da metade (6.063.766 €, o 43,8%) irán destinados a reforzar os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), o que amosa a importancia que os concellos dan a este servizo fundamental de apoio a persoas maiores ou con discapacidade e a necesidade de reforzar o persoal e medios cos que contan.

Cabe destacar que a Deputación incrementou tamén este ano ata os 8 millóns de euros o orzamento do programa que financia os SAF dos concellos coruñeses, o que permitirá financiar máis de 300.000 horas de axuda no fogar.

Tamén destacan os fondos do Plan Único que os concellos destinarán a ampliar as partidas económicas que teñen consignadas para os seus programas de protección e axuda social (2.331.070 euros, o 16,8%) e os destinados á contratación de persoal (1.678.772, o 12,12%).

Os concellos da provincia destinarán ademáis o 7% dos fondos sociais do Plan Único (974.952 €) a crear ou incrementar os fondos dos seus  programas de axudas a familias en situación de especial vulnerabilidade ou con escasos recursos, un 6,44 % a adquisición de EPIS e un 4,52% a programas de conciliación e/ou respiro familiar.

No investimento por comarcas, os 26 concellos da área de Compostela recibirán un total de 4.188.063, 21 euros; os da comarca da Coruña-Betanzos preto de 3 millóns, os de Ferrolterra-Eume e Ortegal arredor de 2,7; Costa da Morte e Bergantiños 2.262.420 euros e os de Barbanza 1.750.486 euros.

Foto portada: arquivo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.