A agrupación do PSOE de Ferrol chora o falecemento de Paloma Rodríguez, referente socialista e feminista

A Agrupación Socialista de Ferrol transmitiu este luns o seu pésame polo falecemento de Paloma Rodríguez, integrante da actual executiva, e transmitiu todo o seu apoio á familia e amigos. Os socialistas ferroláns amosaron o seu inmenso pesar pola perda dunha persoa absolutamente comprometida co socialismo, a igualdade, o feminismo, a educación e a loita social

A Secretaria Xeral da Agrupación Socialista Ferrolá, Beatriz Sestayo, transmitiu que a Executiva “chora a irreparable perda dunha muller extraordinaria, referente socialista e feminista, exemplar na súa traxectoria vital, profesional e política”.

Paloma Rodríguez, licenciada en Psicoloxía e mestra de profesión, foi exemplo de compromiso en todos os ámbitos nos que participou de xeito incansable. Magnífica deputada no Congreso entre 2012 e 2015, sendo a representante que maior número de iniciativas presentou, amosou a súa absoluta convicción na defensa de principios socialistas na procura dunha sociedade mellor, plural e máis xusta.

Foi Vocal da Comisión Constitucional, da Comisión de Igualdade, da Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade e Adscrita ás Comisións de Emprego e Seguridade Social e de Industria e Enerxía, entre outras.

En Galicia foi un referente no ámbito do feminismo galego e presidenta da Asociación Alvixe para a loita contra a violencia de xénero. O pasado 8 de Marzo recibiu o Galardón do 8M entregado por UXT Ferrol.

Dende o ámbito educativo transmitiu os mesmos valores de igualdade e compromiso e foi autora de libros como ‘O País dos Mandóns’ e ‘A urna dos desexos’, entre outros.

“O seu falecemento supón unha perda irreparable non só para o socialismo galego e ferrolán senón tamén para unha sociedade que aspira a ser máis xusta”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.