A contaminación das verteduras da mina de Varilongo superan 325 veces os limiares permitidos

O pasado mes de outubro diversas organizacións ecoloxistas da redeContraMINAcción presentaron denuncias polas evidencias de contaminación en Varillongo (Santa Comba). Unha contaminación causada por metais pesados procedentes da mina subterránea de volframio e estaño en proceso de reactivación pola mineira australiana Rafaella Resources e súa filial Galicia Tin & Tungsten.Os resultados das analíticas realizadas polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia confirman as denuncias cursadas en outubro do ano pasado e baseadas nas evidencias visuais de precipitacións de metais pesados na Braña Ancha (visibles mesmodesde as imaxes de satélite).

Estas análises oficiais evidencian a presenza de niveis alarmantes de metais pesados. Unhas concentracións que superan amplamente os limites máximos que establece a lexislación. Nestas mostras detectaronse altísimas concentracións de cobre, cinc e cadmio. ContraMINAcción alerta ademais que o cadmio é unha substancia perigosa prioritaria por tratarse dun elemento canceríxeno.

Canteira da Mina, zona explotación a ceo aberto

Segundo o informe do laboratorio as verteduras analizadas proceden do denominado “transversal Carballeira”, unha galería de desaugue das labores subterráneas, e das antigas balsas de decantación utilizadas tanto pola empresa de áridos Canteira da Mina S.L. como para desaugar outras zonas da mina subterránea propiedade da mineira australiana. Precismente o “transversal Carballeira”, que desauga os niveis inferiores da mina, é o que  presenta os niveis máis alarmantes. As verteduras procedentes desta galería de desaugue presentan niveis de cadmio que superan 325 veces o máximo legal permitido, os de cobre 145 veces e os de cinc case 100 veces máis.

Zona explotación a ceo aberto.

A rede ContraMINAcción denuncia a gravidade desta contaminación e a inacción das Administracións. As verteduras do transversal van a parar a terreos agrícolas que están sendo gravemente contaminandos, e desde alí descorren ata o rego dos Lagos. Á altura de Guldrís, os niveis no propio cauce superan 31 veces o máximo legal permitido para cadmio, 12 veces os niveis máximos de cobre e 13 veces os de cinc. Esta contaminación é evidente mesmoa 6 km augas abaixo da mina. Logo de que o rego dos Lagos se une ao da Braña Ancha nas proximidades do lugar do Rieiro, a 100 metros da súa confluencia co río Xallas, os niveis de cadmio continúan superando 12.5 veces o máximo legal permitido. Acontece o mesmo para as outras substancias perigosas.
As organizacións que integran a rede ContraMINAcción denuncian a irresponsable inacción de Augas de Galicia. A pesar de que os feitos foron denunciados ante Augas de Galicia en outubro, non consta que se iniciase aínda ningún procedemento sancionador a pesar da gravidade dos mesmos. Augas de Galicia só realizou unha analítica o pasado 4 de novembro, evitando comunicar os resultados aos denunciantes a pesar de térselle solicitado. As entidades ecoloxistas consideran que Augas de Galicia busca ocultar a súa propia inacción. Denuncian que en 2010 Augas de Galicia outorgou unha autorización de verteduras a empresa Canteira da Mina S.L., pero que omitía nos controis periódicos a obriga de realizar análises de metais pesados: o verdadeiro problema da explotación, pola presenza de sulfuros.

Pozas de lodos augas abaixo da mina

En decembro, a propia Directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, recoñecía que “Non se asocia ningún impacto a esta masa posto que non hai punto de control de seguimento na mesma”. Desde os colectivos ambientais, alertouse a Augas de Galicia que a neglixencia no seu deber de control sería motivo de denuncia ante os indicios de prevaricación ambiental e encubrimento. Xa desde 2017 numerosos colectivos veñen denunciado ante o departamento de minas da Xunta que a mina de Varilongo ven causando verteduras contaminantes, seguindo denuncias anteriores da Sociedade de Pesca de Santa Comba e da veciñanza da zona. Unha explotación mineira cuns proxectos de explotación e de restauración que foron aprobados en 2011 sen o preceptivo trámite de avaliación de impacto ambiental.
Precisamente a ausencia do trámite de avaliación ambiental permitiu que saíran adiante sen incluír calquera medida para o tratamento das drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados antes de verterse ao medio. Todo isto a pesar de que os enxeñeiros de minas da propia Xunta alertaran tanto en setembro de 2008 como en agosto de 2009 que o proxecto debía someterse a unha avaliación de impacto ambiental por tratarse dunha explotación con presenza de sulfuros e que, por tanto, é susceptible de xerar drenaxes de mina con metais pesados en disolución.
As denuncias realizadas motivaron a apertura dun procedemento no Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus na ONU e outro na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para investigar as irregularidades. Actualmente séguense ademais diversas actuacións xudiciais por denuncias cursadas pola Fiscalía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.