A contorna do encoro de Cecebre terá unha senda ciclista de 32 quilómetros

A senda enlazará cos 78 quilómetros da Rede Ciclista Metropolitana, que conecta A Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo

A Deputación da Coruña amplía a Rede Ciclista Metropolitana cunha nova senda que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia, e conectará co concello de Carral. 32 novos kilómetros de ruta que discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral, constituíndo unha alternativa perfecta para coller a bicicleta ou pasear.

O pleno provincial aprobará mañá venres, 26 de marzo, os convenios para a encomenda de xestión das obras, que asume directamente a Deputación, cos concellos implicados: Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral. A iniciativa suporá un importante investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados  nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía  (IDAE).

“A Deputación está realizar unha importante aposta por promover un novo modelo de mobilidade sostible na nosa provincia, no que o uso da bicibleta como medio de transporte adquire un gran protagonismo”, indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que explicou que a través deste tipo de proxectos, “o ente provincial pretende contribuír a unha mellora da vertebración do territorio, chegando as senda ciclistas non só as grandes cidades e o seu entorno, senón tamén aos territorios do rural”.

Uns proxectos que, segundo explicou o presidente da Deputación, «suman un importante investimento de máis de 9 millóns de euros e que permiten crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia» con proxectos singulares coma esta ruta ciclista na contona do encoro de Cecebre; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda, ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.

Destes 9 millóns de euros, 7,2 proveñen de fondos FEDER a través das axudas que convoca o IDAE para proxectos de economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes e os restantes 1,8 millóns son financiados con fondos propios da Deputación da Coruña.

Unha ruta a carón da ribeira do encoro de Cecebre

Esta nova senda ciclista contará con tres tramos diferenciados, o primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral e contará cun orzamento de 810.428 euros. O segundo e terceiro discorrerán por Abegondo e Carral, contando o primeiro con 785.794 euros de investimento e con 554.465 euros o segundo.

O novo carril bici discorrerá en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometerá diferentes actuacións que permitirán compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.

A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorrerá ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.