A Deputación apoia o traballo de 61 entidades sociais na cidade da Coruña

O presidente Valentín González Formoso e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitaron a sede da Cociña Económica

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, visitaron a sede da Cociña Económica na cidade da Coruña.

González Formoso recuperou así unha visita que tiña en axenda hai agora un ano, e que tivo que ser suspendida debido á declaración do Estado de Alarma. Un ano despois, o presidente e a deputada visitaron a sede da entidade na rúa Cordelería da Coruña, onde o presidente da entidade, Jacinto Torres, explicou como está afectando a pandemia á actividade que desenvolven no centro, toda unha institución da cidade herculina onde foi fundada en 1886.

A entidade conta dende hai anos co apoio económico da Deputación da Coruña para desenvolver o seu traballo a través do programa de axudas de Benestar Social para entidades, que este ano suma un orzamento de 3 millóns de euros a través das súas diferentes liñas para o financiamento de programas e servizos sociosanitarios, investimentos e mantemento de centros sociais ou adquisición de novos vehículos de transporte adaptado.

González Formoso destacou “o importante labor que desenvolven as entidades sociais coruñesas, chegando a onde moitas veces non chega directamente a administración e contribuíndo a mellorar o benestar das persoas que máis o necesitan”.

“Para a Deputación da Coruña é unha enorme satisfacción ver como a nosa axuda é útil para que institucións como a Cociña Económica podan seguir desenvolvendo a súa magnífica labor, chegar cos seus servizos a máis persoas e mellorar as súas instalacións”, afirmou o presidente.

O ano pasado, 213 entidades sociais da provincia recibiron o aopio económico da área de Benestar Social da Deputación, entre elas 61 asociacións da cidade da Coruña.

A Cociña Económica conta cun comedor social, servizo de reparto de comida a domicilio para persoas sen recursos, servizo de aseo e lavandería, punto solidario de centro de día ou asistencia de traballadores sociais son algúns dos servizos que ofrece a Cociña Económica a centos persoas en situación de pobreza, exclusión social o u sen fogar.

Os responsables da Cociña Económica explicaron que unhas 300 persoas usan a diario o comedor social, que funciona os 365 días do ano, e que nos últimos doce meses experimentaron un incremento notable do reparto de comida para domicilio, que atende a máis de mil familias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.