A Deputacion licita por máis de 1,2M€ a ampliación da DP-0510 de Confurco a Orro, en Culleredo

As obras incluirán a creación dunha senda peonil de dous metros de ancho, a execución dunha nova rotonda e a mellora do trazado, co obxectivo de mellorar a seguridade no tráfico rodado e peonil

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación por 1.215.705 euros as obras dea ampliación da estrada provincial DP-0510 ao seu paso polo concello de Culleredo. A iniciativa permitirá realizar o ensanche, mellora da estrada e creación dunha senda no tramo que conecta o núcleo de Confurco, en Culleredo, co de Orro.

A actuación enmárcase dentro do Plan de Investimento en Vías Provinciais e a través dela repararase esta ruta desde o seu inicio, na intersección coa vía provincial DP-3109, ata o punto quilométrico 2+940. Unhas tarefas que permitirán incrementar a seguridade ao longo destes tres quilómetros do vial, mellorando o acceso ao Club de Campo de A Garrocha, os núcleos de Figueiras e Caiñás, así como creando espazos máis seguros para as persoas que circulan por este tramo.

Agora mesmo, a calzada conta cun ancho medio de 5 metros que se ampliará para albergar dous carrís de circulación de 3 metros, beiravías de medio metro cada unha e unha cuneta de 0,75 metros na marxe esquerda. Ademais, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que residen e transitan pola contorna, construirase unha senda de 2 metros de ancho na marxe dereita da vía.

Dentro das tarefas inclúense o tratamento de accesos e interseccións, adecuación da velocidade ás características da vía e ordenación de accesos. Á súa vez, tamén se construirá unha glorieta no punto quilométrico 2+000 co obxectivo de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos máis perigosos para o tráfico rodado e peonil.

O ente provincial xa destinou 136.313,65 euros para a adquisición dos 141 terreos de prado, monte e labradío necesarios para levar a cabo esta obra, que

se suman ao orzamento de 1.215.705 euros das obras.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que coa licitación desta importante obra, a Deputación atende unha antiga demanda do Concello de Culleredo e  segue apostando pola mellora da seguridade vial e peonil nas estradas provinciais.

O alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, manifestou tamén a súa satisfacción polo avance na tramitación dun proxecto moi esperado pola veciñanza de Orro.

O prazo de execución das actuacións sinaladas é de 12 meses e as empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o vindeiro 19 de abril de 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.