A Deputación reivindica o papel clave da muller na loita contra a pandemia

“A igualdade non é cousa dun día, debe ser unha especie perenne que dure os 365 días do ano”, afirmou González Formoso tras pendurar a súa mensaxe na Árbore da Igualdade
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado das deputadas da corporación provincial, da responsable de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, Maribel Álvarez, do secretario comarcal de UGT, Ángel Iglesias, e de representantes das distintas federacións sindicais que tiveron un papel destacado durante a pandemia (sanidade, alimentación, transporte, sector primario, educación…) participaron esta mañá nun acto reivindicativo con motivo do 8 de marzo, Día da Muller.
A Deputación instalou nos xardíns de Méndez Núñez unha Árbore da Igualdade, en cuxas pólas a cidadanía e distintos responsables sociais e institucionais da cidade foron colgando durante toda a xornada de hoxe as súas mensaxes con motivo do 8 de marzo.
A acción enmárcase na campaña “Oito M, Moito por cambiar” desenvolvida pola institución provincial polo Día da Muller nun ano no que a pandemia non permite as grandes mobilizacións doutros anos.
“Iguais en dereitos, iguais en oportunidades” foi a mensaxe elixida polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou “o papel clave das mulleres na loita contra a pandemia” desde sectores coma a sanidade, a alimentación, a limpeza, o sector primario ou a educación, nos que a presenza feminina ten un rol destacado.
Igualdade os 365 días do ano
“A igualdade non pode ser cousa dun día, debe ser unha especie perenne que dure os 365 días do ano. Esta árbore representa a esencia desa filosofía que compartimos todos e todas”, afirmou o presidente, que invitou á sociedade coruñesa a participar nesta iniciativa para visibilizar a aposta social pola igualdade.
Formoso apuntou que, a pesar dos importantes avances dos últimos anos en materia de igualdade, “segue habendo unha brecha importante entre homes e mulleres non só a nivel salarial, senón tamén na taxa de ocupación e na temporalidade do emprego. Tres factores que deben facer que as administracións e a sociedade nos impliquemos para seguir avanzando cara á igualdade real”, afirmou.
Segundo os datos da EPA do ano 2020 (media anual) do Instituto Galego de Estatística, a poboación activa feminina é inferior á masculina en 56.100 (45.000 persoas en 2019). A taxa de actividade feminina é 9,4 puntos inferior á masculina e está 4,5 puntos por debaixo da media estatal.
Ademáis, o 26% das mulleres teñen contratos temporais, fronte ao 22% dos homes e o 65% das persoas con contratos descontinuos son mulleres, ao igual que o 57% das persoas en ERTE.
A alcaldesa da Coruña deixou a súa mensaxe na #ArboreDaIgualdade
Durante a xornada, numerosas persoas penduraron das pólas da árbores as súas mensaxes feministas ou en prol da igualdade ous as compartiron nas redes sociais co cancelo #ArboreDaIgualdade, entre elas a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, a deputada no Congreso, Montserrat García, a responsable de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, Maribel Álvarez, o secretario xeral de UGT, Ángel Iglesias, ou as deputadas provinciais Ana Lamas, Cristina Capelán, Sandra González e Martina Aneiros.
Tras recibir as mensaxes das coruñesas e coruñeses durante este 8M, a árbore será trasplantada ao Xardín da Palabra do Pazo de Mariñán.