A profesora da UDC Margarita Poza explicará nun foro da CE o proxecto de monitorización da Covid-19 en augas residuais da Coruña

A profesora da Universidade da Coruña, Margarita Poza Domínguez, explicará no marco do foro organizado pola Comisión Europea “SARS-CoV-2 Monitoring employing Sewers. Designing the EU Sewer Sentinel System for SARS-CoV-2 (EUS4)” os resultados do proxecto de investigación que lidera “Monitorización de variantes do SARS-CoV-2 en augas residuais da Coruña: COVIDBENS”

Margarita Poza, única conferenciante de España, participará o vindeiro luns, 22 de marzo, xunto con investigadores de referencia de Estados Unidos, Francia, Reino Unido, Italia, Finlandia, Chipre ou Alemaña, entre outros países. A CE pretende que os estados membros analicen as augas residuais e compartan os datos nunha plataforma europea para obter información sobre a evolución do coronavirus, segundo se anunciou onte a nivel europeo, e neste sentido o proxecto COVIDBENS contribuíu a que se tomase esta decisión, pois o traballo do equipo de Margarita Poza, que leva investigando desde abril do pasado ano, serviu de exemplo a nivel internacional.

A investigadora coruñesa explicará o seu proxecto que é o primeiro modelo epidemiolóxico baseado en augas residuais que podería adaptarse para rastrexar a evolución da pandemia Covid-19 en calquera parte do mundo, monitorizando tanto aos individuos sintomáticos como aos sintomáticos, anticipando varios días a evolución da Covid-19 na poboación implicada. Este modelo, explica Poza, “pode axudar a comprender, cun alto grao de fiabilidade, a verdadeira magnitude da pandemia nun lugar e nun momento dado e pode utilizarse como unha ferramenta eficaz de alerta temperá para predicir brotes”.

O equipo investigador, integrado por expertos en bioloxía, informática, matemáticas, enxeñaría e química, está formado por, ademais de Margarita Poza como investigadora principal, Juan A. Vallejo, Soraya Rumbo Feal, Kelly Conde Perez, Ángel Lopez Oriona, Javier Tarrío, Ruben Reif, Susana Ladra, Bruno K. Rodino Janeiro, Mohammed Nasser, Ángeles Cid, Carlos Lamora, German Bou, Noelia Trigo, Inés Barbeito, Manuel Baamonde, Elisa Fernández e Ricardo Cao, que liderou aos matemáticos do grupo, que foron capaces de desenvolver modelos estatísticos de regresión paramétrica e semiparamétrica que permiten estimar o número de persoas infectadas a partir da carga viral detectada nas augas residuais cunha fiabilidade próxima ao 90%.

A cuantificación da carga SARS-CoV-2 en augas residuais, segundo explica Poza, é un método útil para o seguimento dos brotes de Covid-19 na comunidade. Esta aproximación implantouse na área metropolitana da Coruña, na que se analizaron as augas residuais da planta de tratamento de Bens para rastrexar a dinámica da pandemia.

A empresa pública EDAR BENS SA, que se encarga do servizo de depuración de augas residuais dos concellos da Coruña e dos colindantes de Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, ofrece o seu servizo público aos 450.000 habitantes aproximadamente desta área metropolitana. Ante a actual crise sanitaria producida pola pandemia de SARS-CoV-2, a empresa de xestión de augas residuais encomendou a este equipo de investigadores do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC); do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), do Centro de Investigación TIC (CITIC), ambos os dous da UDC; e da Universidade de Viena, un proxecto destinado a monitorizar a presenza e abundancia do virus na planta depuradora para levar a cabo un estudo epidemiolóxico. O proxecto está financiado por EDAR BENS SA.

O foro poderá seguirse no seguinte enlace:

https://ecconf.webex.com/ecconf/j.php?MTID=m5ae0926499cd0aac31efd363606cf6f5

Foto portada: Algúns dos investigadores deste proxecto, desde a esquerda, Juan Vallejo, Kelly Conde, Marga Poza, Soraya Rumbo e Mohammed Nasser.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.