“A renuncia da presidenta de Adif ás variantes dos Peares e de Rubián condena á provincia de Lugo a non ter alta velocidade”

O delegado territorial Javier Arias considera que a non execución destas actuacións impedirá aos lugueses desfrutar dun servizo con tempos de viaxe competitivos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salienta que a renuncia da presidenta de Adif á execución das variantes dos Peares e Rubián condena á provincia de Lugo a non ter alta velocidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo considera que non executar estas actuacións  entre Bóveda e Sarria e Os Peares e Canabal impedirá desfrutar aos lugueses dun servizo de tren con tempos competitivos.

Javier Arias lembra que coa construción destas dúas variantes o aforro de tempo nas viaxes pasaría dos 20 minutos, un aforro nada desprezable no percorrido entre Lugo e Ourense ou en traxectos máis longos, como o de Lugo-Madrid.

Javier Arias considera que cos anuncios da presidenta do ADIF a provincia de Lugo volve saír prexudicada, un dano ao que se suman os continuos atrasos nas obras para a conexión de Lugo coa alta velocidade. De feito as previsións que manexa ADIF impedirán que o tramo Lugo-Ourense estea listo ata o 2024, en lugar do ano 2021, data comprometida polo ministro Ábalos.

A presidenta de Adif “despreza non só a redución de tempos nos traxectos senón os proxectos xa dados a coñecer en 2018, cando Isabel Pardo de Vera era directora do ente, e baixo a presidencia de Juan Bravo. De feito, estes proxectos foron presentados polo entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e contaban cun orzamento de máis de 1.000 millóns de euros, que agora se ve reducido a 550 millóns”, asegura o delegado territorial.

Arias móstrase preocupado polo rumbo que están a tomar estas obras na provincia e pide a Adif que manteña unha vía de comunicación continua coa Xunta para estar ao tanto dos avances na implantación da alta velocidade en Lugo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.