Acordo para impulsar un plan piloto de dixitalización dos arquivos municipais da provincia da Coruña

O presidente da Deputación reuniuse en Madrid co ministro de Cultura e Deporte, ao que agradeceu o interese mostrado polo proxecto, destinado a conservar a documentación histórica dos municipios coruñeses e facela accesible á cidadanía

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse en Madrid co ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, ao que lle expuxo o proxecto do Goberno provincial para iniciar un plan piloto de dixitalización e catalogación dos arquivos municipais da provincia.

Segundo explicou o presidente da Deputación trataríase dunha iniciativa “ambiciosa e pioneira en España”, coa que a institución provincial pretende estender o Plan de Dixitalización que desde hai unha década leva realizando cos fondos do seu propio Arquivo Provincial aos 93 concellos coruñeses, comezando por aqueles máis pequenos, con menores recursos técnicos e económicos para conservar e inventariar o seu patrimonio documental e levar a cabo este tipo de tarefas.

“Os documentos que se gardan nos arquivos municipais son unha peza fundamental da memoria colectiva da provincia da Coruña e de Galicia e constitúen unha fonte de enorme valor para coñecer o noso pasado”, afirmou González Formoso, que explicou que o Plan de Dixitalización de Arquivos Municipais non só evitará o deterioro ou perda de documentación de gran valor histórico e disminuirá o espazo físico que as administracións locais precisan para conservar os documentos en condicións adecuadas, “senón que universalizará o acceso aos documentos que custodian os arquivos municipais da provincia, facéndoos máis accesibles para os investigadores e para a cidadanía en xeral”.

Formoso destacou o “carácter pioneiro” do proxecto, no que a Deputación se encargaría da dixitalización dos diferentes arquivos municipais da provincia da Coruña, devolvendo posteriormente os documentos orixinais aos concellos para a súa custodia e facilitando unha copia dixital dos mesmos, ao tempo que se crearía un gran repositorio provincial online para permitir a consulta dos documentos.

Valentín González Formoso agradeceu o “interese mostrado polo ministro Rodríguez Uribes nos detalles do proxecto” así como a disposición do Ministerio de Cultura a estudar a súa colaboración neste ambicioso Plan de Dixitalización de Arquivos Municipais, que debido á súa complexidade e ao importante volumen de documentos que abarca se desenvolvería en varias anualidades e requerirá da cooperación económica, técnica e administrativa de distintas administracións, polo que ademáis do Ministerio de Cultura, o goberno provincial trasladará o proxecto tamén á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.